Un equipo de A Revista da Televisión de Galicia (TVG) desprazarase hoxe ata a facultade de Fisioterapia da Coruña para coñecer polo miúdo en que consisten os pulsos magnéticos, unha nova técnica de estimulación cerebral que controla os impulsos de cara ao tratamento das adiccións. Esta terapia, que se empregaba fundamentalmente no tratamento de depresións, úsase agora para axudar a pacientes enganchados á cocaína e ao alcohol.

A seguinte conexión en directo do magazine conducirá aos espectadores cara a Monforte de Lemos, onde unha perruquería contribúe de xeito solidario á recollida de pelo coa fin de elaborar perrucas naturais para persoas en tratamento polo cancro. Desde o centro, chamado Bolboreta, amosarase como é o proceso para a doazón axeitada de cabelo.

Xa no estudio de A Revista, Sevi Martínez conversará con dous dos protagonistas do emblemático Larpeiros, o mestre dos fogóns Benigno Campos e o comensal máis viaxeiro do espazo, Adrián Díaz, que lles adiantarán aos espectadores novos contidos deste programa de éxito da TVG.