A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou a convocatoria para o proceso de acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral en unidades recollidas no Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais. En total serán 9665 prazas para que as persoas que demostren unhas determinadas capacidades vinculadas con ciclos formativos a través da súa vida laboral podan convalidalas por unidades de competencia de titulacións de FP, o que lles facilitará a obtención do título. As familias profesionais nas que se convoca o proceso son 18, dúas máis que na convocatoria anterior ao introducirse Enerxía e Auga e Imaxe e Son. As 16 restantes son as de Administración e xestión, Comercio e mercadotecnia, Agraria, Edificación e obra civil, Electricidade e electrónica, Fabricación mecánica, Hostalería e turismo, Imaxe persoal, Industrias alimentarias, Informática e comunicacións, Instalación e mantemento, Madeira, moble e cortiza, Química, Sanidade, Servizos socioculturais e á comunidade e Transporte e mantemento de vehículos. En total, serán 33 os ciclos formativos nos que se poderán acreditar unidades de competencia, dos que cinco son novos nesta convocatoria: Eficiencia enerxética e enerxía solar térmica, Proxectos de edificación, Axencias de viaxes e xestión de eventos, Iluminación, captación e tratamento de imaxe e Integración social. Ademais, tamén se convocan novas unidades de competencia dentro de ciclos xa convocados, en concreto no ciclo de Instalacións de produción de calor.