Pilar G. Rego entrevista no programa de hoxe a Mabel Rivera, con motivo dos Premios de teatro María Casares que se celebrarán mañá. A vicepresidenta da Academia de Actores e Actrices de Galicia contará todos os detalles da gala deste ano, que terá lugar no Teatro Rosalía de Castro e onde se celebrarán os 40 anos do teatro profesional en Galicia. A gala estará dirixida por Talía Teatro e o seu director será Artur Trillo.

Tamén estará no estudio, na sección Fondos Reservados de Moncho Lemos, o músico Miguel Costas. Presentará a edición dun disco inédito de Germán Coppini na súa primeira formación, Coco y los del 1.500. Este disco, editado por Lemuria recupera maquetas do primeiro grupo do líder de Golpes Bajos e cantante de Siniestro Total.

O ZigZag de hoxe tamén mostrará unha nova sesión de Poetas Di(n)versos, os ciclos de poesía que están a ter moito éxito na Coruña. Ademais tamén se achegará ata os Multicines Norte de Vigo, que acaban de recibir o Premio José Sellier, entregado pola Academia Galega do Audiovisual, polo seu labor a prol do cinema. Estes multicines levan abertos desde o ano 1982 e son un dos poucos cinemas que proxectan as películas na súa versión orixinal.

Por último, o ZigZag contará as novidades sobre a cantante Sés, que será a protagonista dun concerto-coloquio nun proxecto enfocado a protexer o medio ambiente ( Descarboniza que non é pouco), organizado polo Concello e Universidade de Santiago.