Hai cinco anos que o escritor Xosé Luis Méndez Ferrín dimitía do seu cargo como presidente da Real Academia Galega e renunciaba a seguir coma académico da mesma ó tempo que pedía non aparecer no listado de membros do pleno da entidade na páxina, según a RAG. Agora, despois de que un grupo de académicos solicitase o pasado sábado a incorporación de novo de Ferrín no listado de membros da Academia que figuran na web (alegan que non está claro que él pedise non aparecer), o plenario da RAG aprobou consultar o propio Ferrín sobre o tema. "Hai que respectar a vontade do interesado e por iso, iniciouse o contacto institucional a través dunha carta para preguntar a Ferrín se quere retirar a súa renuncia a ser académico da RAG ou a mantén", sinalaron onte desde a Academia.

Tras cinco anos nos que Ferrín non participou en ningún acto da RAG e non se voltou manifestar sobre a súa decisión de deixar de ser membro dunha entidade que presidiu entre xaneiro de 2010 e febreiro de 2013, agora a pelota volve estar no tellado do autor de Con pólvora e magnolias. A Academia pídelle que tome unha decisión e ben retire a súa renuncia para voltar a ser académico ou ben manteña a súa decisión de sair da entidade. "A Academia agora dará un prazo e no caso de que decida manter a súa renuncia haberá que convocar un novo plenario, non se sabe o que ocorrerá porque iso non quere dicir que a RAG aceptará a súa renuncia", sinalaban onte na entidade.

Ferrín deberase pronunciar despois de que o pasado sábado un grupo de académicos -Xosé Luis Axeitos, Chus Pato, Manuel González, Euloxio Ruibal, Paco Fernández Rei, Darío Xohán Cabana, Xosé Luis Regueira e Manuel Rivas- propuseran no pleno da Real Academia Galega que Ferrín figurase de novo no listado de membros do pleno da RAG. Desde quenes tramitaron esta proposta consideran que "a corrente oficial iniciou os trámites para eliminalo como académico" xa que consideran que a carta enviada "é un ultimatum" e lembran que nunca antes sucedeou algo similar pese que algúns académicos tamén estiveron anos sen participar na actividade da RAG. "Se mantén a súa renuncia cremos que a Academia aplicará o estatuto para dalo de baixa", sinalan.

Na web da Academia pódese consultar o listado de membros da entidade que forman parte do plenario actual e Ferrín pese a non estar fóra da Academia oficialmente non aparece, "por propia decisión", según informan na RAG. O escritor e colaborador de este periódico sí aparece, sen embargo, no listado histórico dos académicos da RAG. Neste apartado non só se especifícia cando entrou na entidade, a súa fase de presidente e quen propuso a súa candidatura senón que se inclúe tamén unha pequena biografía cos aspectos máis relevantes da súa vida e obra.

A RAG mantén a súa axenda de actividades con independencia das cuestións internas e hoxe celebrará o Día da Poesía.