"Non vou facer nada nin dicir nada", afirma Xosé Luís Méndez Ferrín ao respecto do ocorrido no pleno do pasado sábado da Real Academia Galega (RAG). Nel, o grupo de académicos formado por Xosé Luís Axeitos, Chus Pato, Manuel González, Euloxio Ruibal, Paco Fernández Rei, Darío Xohán Cabana, Xosé Luís Regueira e Manuel Rivas, incluira na orde do día un punto no que solicitaban a reincoporación de Ferrín "á relación de actuais académicos de número". O escritor, que renunciou a ser académico hai cinco anos, non figura na web como membro do plenario aínda que sí no listado de académicos. Desde a RAG aseguran que é por propia decisión del.

Un punto do plenario que non se debatiu con normalidade e que, como explican nunha carta os propoñentes que asistiron ao pleno, "en vez de discutir a proposta da orde do día, algúns membros da executiva e outros académicos trataron de derivar o contido do punto e sometar a votación non a corrección solicitada, senón algo que non figuraba na orde do día: enviarlle unha carta a Ferrín cominándoo a aclarar se seguía mantendo a súa decisión de dimisión ou non, para poder iniciar o proceso da súa exclusión como académico de número". "Dado que esa pregunta non figuraba na orde do día, no momento en que se repartiron as papeletas de votación os académicos presentes propoñentes da introdución do punto na orde do día, decidiron retirarse e non participar nunha votación que consideramos sen efectos legais por non responder a ningún punto da orde do día", salientan.

"Son cousas que pasan alí, eu xa estou fóra delas", asegura Ferrín, quen recoñece que non sabía "que estaba eliminado da páxina da Academia". "Igual me mandaron unha carta pero a min non me chegou nada, tiven noticia polos medios", explicou Ferrín, que tampouco coñecía a orde do día do pleno do sábado. Desde a RAG sosteñen que unicamente se lle pide opinión a Ferrín sobre se mantén a súa renuncia ou non, pero aseguran que isto non supón que no caso de manterse nesa idea sexa expulsado.