O programa O gato con botas da Televisión de Galicia (TVG) pon hoxe rumbo á Coruña, onde estará agardando polo equipo do programa un médico recoñecido como un dos mellores especialistas a nivel mundial: Diego González Rivas, cirurxián torácico.

De neno contaba chistes e desexaba que ninguén morrese mentres xogaba a ser actor. De nai enfermeira, Diego González Rivas aborrecía o sufrimento, un motivo que o levou a estudar Medicina e a especializarse en cirurxía torácica por ser unha das especialidades máis dolorosas para os pacientes.

Sendo residente, viaxou os Estados Unidos para estudar técnicas menos agresivas e volveu cargado de ideas e de esperanza. Xunto co seu equipo do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) creou, en 2010, a técnica Uniportal VATS, única no mundo, para operar o cancro de pulmón a través dunha soa incisión no costado. Cun equipo permanente no hospital pulmonar máis importante da China, hoxe Diego é unha eminencia que viaxa por todo o mundo ensinando a súa técnica, e operando en case calquera circunstancia.

Nos seus escasos ratos de lecer, divírtese practicando deportes de risco e xa traballa con Google no prototipo dun robot que revolucionará a cirurxía tal e como a entendemos.