Que o porto de Vigo, o Berbés, é un porto singular, distinto a calquera outro, é unha realidade. Destaca a enorme calidade humana que no Berbés se pode percibir, un universo conformado por preto de seis mil homes e mulleres. A aventura iniciase vendo como o pulso da vida no porto determínao o peixe que chega cada día. Pescadores de historias falará coa peixeira Blanca Misa. Ela compra cada día o peixe que logo vende de xeito ambulante polo concello de Tomiño. O factor humano foi e é determinante para que o Berbés ocupe un posto á cabeza de todos o portos do mundo.

De que non falte xeo encargase Doro Campo. Traballa na fábrica de xeo que abastece as lonxas, os barcos e as peixeiras. Clasificando o peixe traballan Mari Mariño, Uca Goce e Mari Fé García. É un dos traballos máis espectaculares e o que desenvolve Pancho Piñeiro, un dos escabicheiros que se dedican a despezar e eviscerar os grandes peixes, como espadas, atúns ou marraxos.

Unha figura central son os poxadores, tanto nas lonxas de altura e baixura coma na de mariscos, como é o caso de Alexandre Armada. Os espectadores tamén coñecerán a Marisa Vila, a encargada do restaurante que hai no porto do Berbés, que dá de comer a maioría dos traballadores, e a María Fernández, a cociñeira do restaurante. Outros sabios deste universo que falarán no espazo da Televisión de Galicia (TVG) son Cholo Torres, propietario dunha empresa de transporte de peixe, e Inés González, peixeira agora xubilada, que recolleu hai uns anos a medalla de prata do porto, pola súa dedicación ao Berbés.