A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocou o V Campionato Galego de Formación Profesional, GaliciaSkills 2018, que se celebrará en novembro na Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda. A competición busca darlle maior proxección á FP que se imparte na comunidade, e que en anos anteriores ten colleitado éxitos na edición a nivel nacional, SpainSkills. O campionato, de carácter práctico, consistirá no desenvolvemento de 23 competicións relacionadas coas especialidades (skills) de formación profesional, nas que o alumnado participante medirá as súas destrezas e demostrará as súas capacidades na realización das probas. As especialidades convocadas son as de Tecnoloxía do automóbil, Pintura do automóbil, Pintura e decoración, Fontanería e calefacción, Instalacións eléctricas, Ebanistaría, Xardinaría paisaxística, Refrixeración e aire acondicionado, Mecanizado, Electrónica, Control industrial, Mecatrónica, Robótica móbil, Soldadura, Solucións de software para empresa, Floraría, Tecnoloxía da moda, Peiteado, Estética, Panadaría, Cociña, Servizo de restaurante e bar e a de Recepción hoteleira. Ademais, haberá unha demostración de Animación 3D e xogos.

Haberá dous premios por competición. A persoa gañadora do primeiro premio en cada skill representará a Galicia na Olimpíada Nacional de Formación Profesional, SpainSkills 2019, que se celebrará en Madrid. Este alumnado, xunto cos xefes de equipo, conformarán o equipo galego que representará a comunidade en SpainSkills 2019.