A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou unha convocatoria de axudas dirixidas a universitarios que se vexan afectados por causas sobrevidas e imprevistas, co fin de que poidan continuar os seus estudos no Sistema universitario de Galicia no presente curso académico. O departamento educativo da Xunta destina a cantidade inicial de 162.500 euros, un 62,5% máis que o ano pasado, que podería ser incrementado en función das solicitudes recibidas que cumpran os requisitos.

Unha das novidades da convocatoria é o incremento do limiar de renda para poder ser adxudicatario da axuda. Isto posibilitará que a consellería poda atender a un maior número de futuros beneficiarios.

O obxectivo destas bolsas é cubrir a necesidade urxente de recursos económicos para paliar a situación de emerxencia derivada de causas como orfandade absoluta; situación de desemprego, falecemento, enfermidade grave, recoñecemento de incapacidade permanente absoluta para todo traballo dalgún dos sustentadores principais da unidade familiar; vítimas de violencia de xénero; e outras circunstancias que, debidamente acreditadas, repercutan na situación socioeconómica familiar.

Para acceder a estas axudas a situación sobrevida ou imprevista tivo que acontecer durante o actual curso académico e os solicitante deben estar matriculados neste ano académico, como mínimo en 50 créditos, en estudos universitarios presenciais conducentes ao título de grao en calquera das universidades do Sistema universitario de Galicia.