O Teatro Colón da Coruña foi escenario onte da gala de entrega dos Premios Youtubeir@s conducida pola compañía teatral A Panadaría. Durante a mesma, déronse a coñecer os gañadores nas diferentes categorías tras a decisión do xurado constituído por Laura Cruxeiras, Iván Capón, Estela Romasanta, Adrián Dios e Anxos Sobriño. Na categoría de vídeo-facermos, o gañador foi o vídeo Como escaquearse dunha comida familiar, de As cousas do Choio. No apartado de vídeo-opinarmos, o premiado resultou o vídeo A expedición Balmís e a vitoria da vacinación, de Xacobe de Toro Cacharrón. E o premio á mellor canle acadouno Nubes Baixo ti. As tres categorías contan cun premio de 1.000 euros.

Por outra banda, o apartado de creatividade gañouno Os cazapantasmas vídeo-facermos, de Moustache Media Producciones, mentres que eficiencia comunicativa foi para O galego Fermoso (e o que non o é tanto) de Aquel-e, a categoría da calidade técnica conquistouna Viaxar, de Aarón Vilariño Figueiras, e a categoría de calidade lingüística foi para Reivindicación oceánica, de Xosé Iglesias.

Finalmente, o premio a proposta Youtubeira, entregado pola vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, recoñeceu o vídeo Como dar cartos ás agachadas, de As Cousas do Choio. Estes catro galardóns conta cunha dotación económica de 500 euros.

A Panadaría, compañía formada polas actrices Ailén Kendelman, Areta Bolado e Noelia Castro, ofreceron unha gala que xirou ao redor da xeración millenial, os contidos audiovisuais que se elaboran na rede na actualidade e sobre a figura dos youtubeir@s, mesturando o humor, a música e o protagonista dos 25 finalistas que aspiraban os premios.

Pola súa banda, Mónica Fernández, coordinadora do Proxecto Youtubeir@s, destacou na súa intervención en nome da organización "a alta participación" e a "gran calidade" dos vídeos participantes nesta segunda edición. Fernández, ademais, definiu Youtubeir@s como "un proxecto colaborativo, rico en todos os aspectos, nas ideas".