A Revista da Televisión de Galicia (TVG) asistirá hoxe en directo ao primeiro evento gastronómico en Galicia da Guía Repsol, que reunirá os mellores cociñeiros da gastronomía galega. Na Fundación Luís Seoane da Coruña terá lugar a entrega das chaquetas aos cociñeiros galardoados con estrelas Repsol nos seus establecementos. A Revista estará neste evento con Yayo Daporta, Pepe Solla, e outros nomes de referencia da gastronomía da nosa terra.

O programa tamén viaxará ata Vigo para coñecer a Marcos Míguez, un artista que deixou o seu traballo para dedicarse por enteiro a súa paixón, o debuxo. A Revista ensinará en directo o método de traballo de Míguez, especializado no debuxo híper realista con bolígrafos BIC.

E, no eido das entrevistas, Carmen Vidal, xefa de Alergoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), explicará todo o relacionado coas alerxias na época do ano en que son máis frecuentes. Carlos Graña falará do mundo da arquitectura, sendo colaborador habitual do arquitecto que acaba de ser recoñecido co premio Pritzker, coñecido coma o Nobel de arquitectura.

Ademais, coma todos os xoves, retorna a sección de Os segredos mellor gardados, neste caso dedicada o mundo da bioloxía. A xornalista Carmiña Blanco estará acompañada por Pablo Caballero. Finalmente, Moncho Lemos achegará todas as novidades da carteleira cinematográfica.

'Vivan as tardes!'

A Televisión de Galicia (TVG) tamén emite hoxe unha nova entrega de Vivan as tardes!, Pili Pampín falará con Xesús, a 3º xeración que herda o café-bar Moderno, unha fonda que fundaron os seus avós e da que agora el é o propietario. Nela pretende manter a tradición gastronómica e tamén de vida. Ademais, quere recuperar outras tradicións galegas para que a xente non perda de vista o seu pasado. Xesús irá desde Barreiros, para falar da importancia de recuperar a vida no rural, o estilo de vida de antes máis tranquilo e centrado nun mesmo, sen tanta tecnoloxía.

Tamén estará hoxe no programa da canle autonómica a divulgadora científica Deborah García, a quen sempre lle gustou a química e aprendeu a explicalo e facelo accesible grazas ás clases que daba para nenos de Bacharelato. No seu blog explica cousas cotiás cunha linguaxe moi accesible e para que todos o entendan. Gústalle desmontar mitos, e sacar a verdade de cousas das que existen crenzas sen demostrar. Vai desde A Coruña con Manuel Vicente, xornalista científico, co que colabora no seu programa Efervesciencia da Radio Galega.