"Completamente diferente a unha profesora normal". De este modo define un dos seus alumnos a María Victoria Moreno, a autora a que se lle adica este ano o Día das Letras Galegas e que exerceu de docente en Lugo e Pontevedra. Os seus pupilos lembran a empatía que tiña cos rapaces e como, en plena dictadura, non dubidaba en facilitarlle libros que daquela estaban prohibido polo réxime ou en dar clases particulares clandestinas de lingua galega.

O poeta e narrador Xesús Rábade Paredes é un dos seus discípulos máis destacados e a el coñeceuno cando exerceu en Lugo. "Acababa de chegar a Galicia. Viña moi ben formada, era nova, empatizaba cos alumnos e foi realmente un impacto para moitos, sobre todo, para os que empezabamos a escribir, aos que ela protexía con especial coidado", lembra.

A principios do curso 1965-66, María Victoria Moreno aprobou as oposicións de profesora agregada de Lingua e Literatura española e o seu destino foi o Instituto Masculino de Lugo. En 1967 deixa este centro e incorpórase ao Instituto Feminino de Pontevedra. Alí entre as súas alumnas volveu causar "impacto". Algunhas, como Ángeles Couto -que viña da emigración en Uruguai- e as súas amigas lembran hoxe en día á súa profesora como a primeira persoa que lles ensinou lingüística, un ámbito da Lingua que nunca antes lles explicaron. E sorprendeu deixándose tutear e permitindo "fumar" ás súas alumnas naqueles inicios da década dos 70.

María Victoria Moreno, como profesora, facilitou libros que "non chegaban á xente da rúa nin ao profesorado sequera porque estaban prohibidos pola ditadura" e, ademais, deu clases particulares, algunhas na clandestinidade, aínda que o seu altruísmo neste ámbito executouno até o final da súa vida. Así o lembra Tomás González, quen se lembrou de como recibiu na súa casa aos fillos dunha familia musulmá en Pontevedra para darlles clases de lingua e conseguir a súa integración, ademais de ofrecerlles comer no seu fogar. E de feito, antes de que ela axudase a esta integración de quen viñan de fóra no ano 2000, foi María Victoria Moreno a que se incorporou á cultura galega. "Chegou a Galicia disposta a integrarse nun país que ten unha cultura", asegura Rábade Paredes.

Como profesora, en palabras do escritor lucense fincado en Rianxo, captou "devotos" e detectaba os "talentos" entre os alumnos. E a través "fundamentalmente" del e outros discípulos procedentes do rural, dixo, entrou en contacto coa lingua galega. "Ela foi cabal e honrada na súa transmisión. Por iso foinos tan mal naquela etapa na vida a moitos; xustamente, por comprometerse, por explicar a literatura cabalmente", asegurou Rábade Paredes.