A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria licitou a obra de rehabilitación enerxética do CPI O Feal, de Narón, por case 760.000 euros e un prazo de execución de tres meses. Os traballos supoñen unha reforma integral (enerxética e funcional) dese centro, que precisa dunha actuación para dotar de maior confortabilidade e acadar un aforro nos custes de mantemento derivado dun menor consumo de luz e calefacción. A tipoloxía construtiva deste edificio responde á do período 1960-1980 e que, debido á ausencia de illamento axeitado, presenta perdas térmicas.

A actuación -que está cofinanciada con fondos Feder- afectará ás fachadas, carpinterías, luminarias e outros elementos das instalacións. Deste xeito acometerase o illamento da fachada exterior, a renovación das ventás por outras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, e a substitución de luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética. Estas medidas combinadas suporán un aforro enerxético anual do 29%. Tamén se procederá á substitución dos falsos teitos que se atopan deteriorado así como a reparación e pintado de paramentos interiores.

Esta rehabilitación integral do CPI O Feal enmárcase dentro do plan de mellora da eficiencia enerxética que se puxo en marcha en 2016 en toda Galicia, e que no presente ano 2018 suporá un investimento de preto de 4,5 millóns de euros en obras de mellora enerxética en nove centros educativos da comunidade galega.