Unha vocación clara cando se elabora dende a dirección artística o deseño da gala dos premios é a de ofrecer ao público algo diferente. Houbo actuacións que se fixeron nesta cerimonia que non se volveron repetir. Creouse o grupo Axada para conmemorar os dez anos de vida e na oitava edición realizouse un espectáculo especial con diversos artistas interpretando temas de Milladoiro. Nesta ocasión a gala conta cun concerto exclusivo. O espectáculo que pechará a noite leva por título Unha volta darredor. Baixo a dirección musical de Pedro Lamas, no escenario veremos a diferentes artistas ligados á música tradicional dos concellos de Bergondo, Sada, Miño, Cambre e Oleiros, que compartirán escenario coa banda de música Sementeira. Interpretarán seis temas moi pouco coñecidos, que foron rescatados nas investigacións que realiza Lamas sobre músicos que, co paso do tempo, foron quedando no esquecemento. O director musical do espectáculo subliña que van interpretar "pezas con sabor popular e cuns arranxos que pretenden achegar unha vistosidade potente e soar modernos".

A cantante Najla Shami vai interpretar algunhas pezas da súa ópera prima como solista, mais tamén cantará un tema inédito dedicado ao finado músico NARF e deixará unha mostra musical do seu legado familiar árabe.

Ao longo dos anos tamén houbo posibilidade de presenciar nesta gala dos premios algúns debuts musicais, como os do dúo Espido ou Sonia Lebedynski, e nesta oportunidade contaremos con outra formación que fará o seu primeiro concerto. O trío de fagots EntreCañas vai levar a sonoridade dese instrumento, que nunca se escoitara no escenario dos PREMIOS OPINIÓN, a un repertorio que se axuste á música de raíz, amosando que o seu emprego pode estar alén da música clásica.

A presentación da gala correrá a cargo de Yolanda Castaño e o abarrote está asegurado xa que están esgotadas as entradas ante a boísima acollida dos PREMIOS.