É na primeira quincena de maio cando o choco cobra protagonismo no municipio de Redondela, en cuxas augas se pesca desde hai máis de tres séculos. Na Festa do Choco, que comezou a celebrarse nos anos 80 e que hoxe visitará en directo A Revista Fin de Semana, prémiase a orixinalidade na elaboración de pratos cociñados a base de choco, que logo poden degustar os asistentes ao evento en diversas formas.

Por outro lado, o espazo da TVG contará coa presenza do presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, quen explicará os actos programados o vindeiro 17 de maio para renderlle homenaxe á profesora e escritora María Victoria Moreno, nada circunstancialmente en Extremadura, pero que escolleu ser galega e empregar a nosa lingua en todos os contextos pouco tempo despois de establecerse en Galicia.