O libro É a lúa que baila? María Victoria Moreno e a lírica dos Seis poemas galegos de Federico García Lorca foi presentado onte en Santiago na Fundación Torrente Ballester. Trátase dun traballo publicado polo Consorcio de Santiago e a Editorial Galaxia, que contou coa presenza de Pedro Ferriol, viúvo de Moreno.

María Victoria Moreno (Cáceres 1939 - Pontevedra 2005) foi unha apaixonada de Federico García Lorca, sobre o que impartiu diversas conferencias en Galicia. En 1985, coincidindo co 50º aniversario da primeira edición dos Seis poemas galegos do autor andaluz, a escritora redactou un artigo sobre os mesmos por petición do profesor, académico e expresidente da RAG Xesús Alonso Montero, que é o autor do estudo introdutorio desta publicación e que ata o momento só se publicara na revista Madrygal da Universidade Complutense en 2015. Tres anos despois, son poucos os profesionais da literatura que teñen coñecemento deste orixinal comentario de María Victoria Moreno.

A escritora resalta nel que Lorca constrúe a súa obra poética galega dun xeito moi semellante aos trobadores medievais que non eran galegos nin portugueses e afirma que o poemario galego está na liña do Romancero gitano (1928). Trátase dun mecanografado de dezanove folios cunha portada co longo título do traballo ( Danza da lúa en Santiago. Suxerencias para unha aproximación a Federico García Lorca, poeta galego).

Do mesmo xeito, a editorial Hércules vén de publicar Doce cartas a María Victoria Moreno, unha biografía literaria realizada por Ánxela Gracián -escritora e tradutora, que logrou percorrer a vida e obra da autora nunha innovadora aposta-. A narración corre da conta dun dos personaxes máis entrañables de Moreno: o lobo Garimoso, ese que no seu libro Mar adiante pasa varias noites coa nena Mariquiña sen papala porque ela o soñou bondadoso. Garimoso, fascinado por esa nova vida de lobo que non se ve na obriga de comer carapuchiñas, inicia a lectura de todos os libros de María Victoria Moreno e, logo do mergullo nesa lectura fascinante, decide mandarlle estas doce cartas. Nelas está a súa infancia como paraíso perdido; as vivencias da mocidader; a súa concepción da docencia; a lealtade eterna aos amigos e aos mestres; o sentido épico da vida e a escrita como único exorcismo ante a dor de sabernos perecedoiros.