O Land Rober Tunai Show afronta esta noite un exame nun programa especial, chamado Onde ninguén é forasteiro. Seis forasteiros residentes na comunidade galega darán a súa opinión sobre o espazo presentado por Roberto Vilar e no que participan os humoristas Xosé Antonio Touriñán e Eva Iglesias.

Dous cubanos co seu particular son, unha arxentina que vive en Moraña e que leva media vida na nosa terra, un chinés que deixou o Extremo Oriente para trasladarse ao Carballiño, unha valenciana que chegou hai catro anos a Santiago para estudar a súa carreira soñada e unha madrileña con parte da súa familia aquí, serán os encargados de emitir as súas avaliacións sobre o espazo de humor. Que opinarán de Concha e Manolo? Resultaralles gracioso o humorista Roberto Vilar? Como tomaron a particular retranca desta terra cando aterraron na comunidade galega?

Maxi Iglesias

Todo iso, ademais, acompañado dos sketchs e seccións máis divertidas do programa da canle autonómica. A actriz Lucía Regueiro enfrontarase a Carlos Roma no divertido xogo de mímica Que me estas contando, os Gorrillas farán das súas na compañía do actor Víctor Fábregas, os xubilados irán á discoteca co actor Maxi Iglesias, entre outros convidados que pasarán polo programa. Será, en definitiva, unha noite chea de humor e gargalladas ao máis puro estilo Land Rober.