Pontevedra converteuse, desde a tarde de onte, no epicentro do Día das Letras Galega, que hoxe lembra a importancia do idioma autóctono en todo o territorio nacional con especial énfase na figura de María Victoria Moreno.

A escritora nativa de Extremadura estivo vencellada a maior parte da súa vida a Pontevedra. E precisamente por iso, a capital do Lérez acolle un elevado número de actos relacionados coas súas letras.

As diferentes iniciativas xa se levan días producindo, pero intensificáronse onte pola tarde. O local social do Burgo foi o primeiro espazo onde se lembrou Moreno. Nunha sesión lectora organizada pola asociación cultural da parroquia, levouse a cabo un recitado de textos escolleitos da autora, con comentarios e participación do público asistente.

Precisamente media hora antes oficializouse no Café Moderno a recepción oficial aos membros da Real Academia Galega (RAG) e do Consello da Cultura Galega por parte do Concello de Pontevedra. Entre as personalidades estiveron o presidente da RAG, Víctor Freixanes, o mandatario do Consello da Cultura, Ramón Villares e o tamén presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet.

Este acto foi a previa ao concerto da Real Filharmonía de Galicia que acolleu o Auditorio Afundación a partires das 21 horas. O mestre Maximino Zumalave levou a batuta deste recital, acompañado pola soprano compostelá Anaís Fernández e os coros integrado polos membros do Collegium Compostellanum, da agrupación Sólo Voces e do Coro de Cámara Rías Baixas.

O concerto comezou ca popular Alborada de Pascual Veiga, orquestrada por Juan Durán. Logo foi o turno de Cancións xacobeas de Antón García Abril, baseada en textos de Valle-Inclán,Cunqueiro ou Cabanillas.

Tras estas pezas chegou a estrea de Duns folios que foron brancos, que o vigués Miguel Matamoro compuso por encargo do Consello da Cultura coma homenaxe a María Victoria Moreno.Finalmente, o concerto concluiu cunha selección da obra Tres estampas galegas de Mauricio Farto.

Pero se onte destacaron os actos culturais, a axenda non frea neste 17 de maio, xornada senlleira literaria. O Teatro Principal é o lugar elixido pola Real Academia Galega para celebrar o Día das Letras Galegas. A partires das 12.30 horas ten lugar unha sesión extraordinaria e pública na que se cederá a palabra a tres membros moi vinculados a ela: Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey e Xesús Alonso Montero, que ofrecerán tres olladas persoais á vida e á obra da autora. A sesión finalizará coa intervención do presidente da RAG, Víctor Freixanes. Mentres, a Xunta de Galicia fará o seu particular homenaxe á autora hoxe tamén en Pontevedra. O Instituto de Educación Secundaria Torrente de Ballester, onde a escritora exerceu a docencia durante anos ata a súa xubilación será o escenario do acto.

A música e a obra serán o fío condutor desta iniciativa presidida polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e que contará coa participación da familia da homenaxeada.