Ademais da cobertura informativa dos principais actos e actividades que se desenvolverán en Galicia con motivo do Día das Letras Galegas, Televisión de Galicia (TVG) achegaralles hoxe aos espectadores variados documentais e especiais que afondan na vida e obra da autora destacada este ano, María Victoria Moreno, escritora de literatura infantil e xuvenil en lingua galega.

Para celebrar o día grande da nosa lingua e da nosa cultura, a TVG ofrecerá na sobremesa unha edición especial do programa Zigzag, en que, baixo o lema Os herdeiros de María Victoria, fará un percorrido polos autores galegos que máis venden na actualidade nos distintos xéneros literarios, ademais de realizar entrevistas a escritores en quen tivo unha especial pegada a súa relación coa autora homenaxeada, como é o caso do poeta e narrador Xesús Rábade Paredes, un dos seus discípulos máis destacados, e da súa filla, María do Cebreiro. Entre as persoas coñecidas que intervirán neste especial sitúanse o escritor Manolo Rivas, a músico Guadi Galego e o actor Xúlio Abonjo, que ofrecerán a súa reflexión particular sobre a efeméride.

Desde que comezou o mes de maio, Zigzag Diario está emitindo reportaxes e entrevistas arredor da escritora homenaxeada o Día das Letras Galegas. A autora ten, en cada edición, un espazo no programa para falar da súa biografía e figura a través dos seus libros. Ademais, dáse conta das exposicións, músicas, concursos infantís e homenaxes teatrais que estes días toman forma sobre as táboas.

O Día das Letras Galegas estrearase, amais, na TVG e na TVG 2 o documental María Victoria Moreno sobre a vida e obra da autora homenaxeada este ano. Na segunda canle da Galega emitirase, a maiores, o documental Manuel María. Paixón de palabra e terra, dedicado a esta figura fundamental para a restauración da lingua e da literatura galegas nos anos de posguerra, sendo o primeiro autor novo que publicou un libro en galego despois da guerra civil.

Na TVG 2 tampouco se esquecerán esta xornada dos máis pequenos da casa e seguirá ofrecéndolles as novas entregas da serie dos Bolechas, baseada na colección As miñas primeiras Letras Galegas. Nas faixas do almorzo e da merenda poden ver no formato dos Bolechas unha entrega centrada nun autor ou autora ao que se lle dedica esta data. En total son sete capítulos que achegan a figura e obra de Ánxel Fole, Carlos Casares, Álvaro Cunqueiro, Manuel Murguía, Eduardo Pondal, Rosalía de Castro e a propia María Victoria Moreno.

A obra de María Victoria Moreno está entrando nos fogares galegos ao longo de toda a semana tamén a través de pezas audiovisuais realizadas a partir do conto A festa no faiado e da novela xuvenil Anagnórise, dúas obras representativas desta autora, que se irán intercalando entre a programación da TVG.

A Radio Galega, pola súa parte, implicarase tamén coa celebración da efeméride, ofrecendo contidos que permitan un maior coñecemento da autora e da súa obra.

As propostas matinais da emisora darán comezo co presentador Kiko Novoa desprazado no Teatro Principal de Pontevedra para realizar en directo o espazo Galicia por diante, entre as 08.00 ata as 12.00 horas, que dará comezo o acto oficial do Día das Letras e será transmitido pola web da Crtvg. Neste especial, a convidada dos Almorzos, tamén en Pontevedra, será Fina Casalderrey, escritora e membro da Real Academia Galega das Letras.

O programa Diario Cultural ofrecerá, como é costume nesta data, unha edición monográfica sobre as Letras Galegas.