Esta semana o espazo musical Luar recibe a Chenoa como estrela convidada. A cantante mallorquina segue conseguindo éxitos co seu sétimo álbum de estudio, titulado Soy humana, unha escolma de pezas pop sobre o amor, das que non oculta que se inspiran nas súas propias relacións de parella. Con este álbum, Chenoa quere reivindicar as relacións humanas nun momento de voga das novas tecnoloxías.

O programa tamén contará coa presenza da compositora, vocalista e instrumentista galega Mercedes Peón, que está a presentar o disco Déixaas. Sen abandonar as raíces da tradición que a converteron nunha das artistas máis carismáticas do eido musical internacional, o seu novo traballo, dedicado ás mulleres, incorpora unha faceta máis contemporánea e vangardista, inspirada en espazos con sons a partir de gravacións realizadas en estaleiros ferroláns.

Outra das artistas convidadas este venres é a cantante de pop flamenco María Parrado, que irrompeu na escena musical cunha forza inusitada. Con só 12 anos gañou un coñecido concurso de talentos e namorou un país enteiro grazas ao seu enorme talento musical e á fantástica voz coa que triunfa actualmente.

Tamén pasarán esta noite polo escenario Lérica, o grupo revelación do momento, considerados fenómeno masivo nas redes sociais, e As Cantigas de Elena, un proxecto que recompila a multitude de melodías, moitas delas moi antigas, lembradas por Elena Alonso Pino e recollidas por parte de María Vidal, Pichi Abollado e o seu neto, Pipo Alvariño.

O cartel de actuacións musicais desta semana complétase coa orquestra Aché, a Banda de Música Airiños do Morrazo, a formación zamorana Coros y Danzas Doña Urraca e a agrupación Galantiños do Torreiro de Donaire.

Ademais, como é habitual, o programa Luar ofrecerá esta noite unha nova edición dos concursos Recantos e Vai de Baile. No primeiro, actuarán Yesenia, representante da comarca Noia-Barbanza, e Lucía Aral, procedente de Ourense sur. No segundo, hoxe escollerase a última das oito parellas que pasarán á fase final do concurso.