O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, subliñou na inauguración do SITE 2010, o Salón Internacional da Tecnoloxía que reúne na Coruña case 300 especialistas, a aposta da Xunta polo "e-Goberno" e a tramitación administrativa telemática.

"O Goberno de Galicia, consciente da importancia capital das empresas no proceso de modernización, converteu os emprendedores nun dos eixes principais dentro da iniciativa de e-Goberno, cuxo obxectivo é facilitar o desenvolvemento da administración electrónica na propia Xunta e tamén dentro do sistema económico galego", afirmou Rueda.

Na inauguración do certame, o titular de Economía resaltou a "axilización" na xestión administrativa de moitos departamentos autonómicos, como o Instituto Galego de Promoción Económica en que, lembrou, "unha porcentaxe superior a 60 por cento dos expedientes non chegan a ter nin un só papel".

"Actualmente a totalidade das axudas do Igape pódense solicitar de forma telemática e tramítanse mediante sinatura electrónica", reiterou.

"O Goberno galego traballa para xerar un contexto en que as novas tecnoloxías da comunicación sexan un elemento cotián dentro de todas as empresas, independentemente do seu tamaño", apuntou Guerra.

Así, outros departamentos como o Instituto Enerxético de Galicia ou a Dirección Xeral de I+D+i tamén incorporaron a administración telemática dalgunhas das súas competencias.

Guerra fixo estas declaracións na inauguración do primeiro Salón Internacional da Tecnoloxía que se celebrará entre hoxe e mañá na Coruña e en que participarán 281 expertos.

Pola súa banda, o presidente do comité organizador, Gonzalo Ortiz, destacou a "necesidade", agudizada pola actual conxuntura económica, da busca empresarial de novas formas de relacións económicas máis eficaces que favorezan a súa competitividade a través da internacionalización.

"Este novo paradigma empresarial de busca de eficiencia, competitividade e crecemento no mercado a través da internacionalización, só é posíbel nos países con certo grao de desenvolvemento utilizando e aproveitando ao máximo a innovación tecnolóxica, a dixitalización a introdución de todos os progresos nas TIC", engadiu Ortiz.

O futuro das administracións e as empresas pasa pola "interoperatividade" entre estas institucións, a dixitalización de procesos e unha regulación acorde a esta tendencia serán as propostas que se discutirán neste salón en que se falará, ademais, sobre tecnoloxía financeira, innovación tecnolóxica no sector público, e comercio e transaccións electrónicas.

Ao redor dunha vintena de grandes compañías, como a IBM ou a Microstrategy, participan neste certame que reunirá, por primeira vez nun evento feiral e congresual, as propostas tecnolóxicas e as súas oportunidades estratéxicas en tres grandes áreas: comercio, transaccións electrónicas e internacionalización, tecnoloxía financeira e innovación tecnolóxica no sector público.

Deste xeito, Galicia será a sede durante este salón de todas as tecnoloxías que, a nivel mundial, están a mudar a forma en que empresas e institucións propón as súas estratexias de desenvolvemento e as relacións cos seus clientes e usuarios".

Entre os participantes destacan relatores internacionais como Chris Skinner, encargado da conferencia inaugural, e Xavier Marcet i Gisbert como responsábel da clausura.