EFE
A segunda canle da Televisión de Galicia emitirá, durante un ano, un espazo informativo de corenta minutos diarios, que será presentado en lingua de signos, isto débese a un acordo entre a CRTVG e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) , indicou a canle autonómica galega, nun comunicado.
Este convenio de colaboración, asinado polo director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, e o presidente da FAXPG, Feliciano Sola Limia, ten o obxectivo de facer máis accesible a canle pública galega a persoas con discapacidade auditiva.
As dúas partes integrantes do convenio explicaron que as persoas "xordas, con discapacidade auditiva e xordocegas viven nunha sociedade maioritariamente oínte", polo que para a súa integración e desenvolvemento persoal deben "superar as barreiras comunicativas e acceder á información en igualdade de oportunidades".
Tanto a TVG como a FAXPG manifestan, no comunicado, que para facer fronte a calquera conduta discriminatoria nos medios de comunicación social, unha das estratexias que é necesario empregar é o "principio de accesibilidade universal a toda a información".
Xa que logo, indicou que para que os contidos audiovisuais da televisión sexan accesibles a todas as persoas deben incorporar "subtitulación, audiodescrición e interpretación con lingua de signos nos termos previstos especificamente na lexislación xeral audiovisual".
En virtude deste convenio, a Televisión de Galicia comprométese a ofrecer de luns a venres, agás festivos, na súa segunda canle (G2), un espazo informativo presentado en linguaxe de signos.
Pola súa banda, a canle G2 facilitará os medios técnicos e humanos necesarios, agás o presentador e intérprete, que serán escollidos pola TVG entre os cinco candidatos que propoñerá a FAPXG.
Ademais deste espazo informativo diario, a TVG e a FAXPG, poderán decidir a ampliación da programación presentada en lingua de signos.
Este convenio iniciará a súa vixencia o un de xaneiro de 2010 e finalizará o 31 de decembro do mesmo ano.
O director xeral da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, Alfonso Sánchez Izquierdo, mostrou a súa satisfacción polo acordo, xa que a CRTVG ten unha "especial obriga de servizo público" e que este acordo indica a "normalidade e complicidade entre unha empresa de radio-televisión e as persoas xordas de Galicia", afirmou na nota.
Pola súa banda, o presidente da FAPXG, Feliciano Sola, expresou no comunicado o seu agradecemento pola "sensibilidade mostrada pola CRTVG" e puxo a disposición do Ente autonómico os servizos da Federación para que os traballadores da CRTVG teñan "unha formación previa das necesidades e características intrínsecas do colectivo".