O programa Náufragos recolle hoxe a historia de dous buques afundidos na Costa da Morte. O Bahía era un cerqueiro do porto de Cesantes, que naufragou fronte ás illas Sisargas sen superviventes. Morreron dez homes e só se recuperaron seis corpos. O Isla de Tambo tiña base en Marín e desapareceu na ría de Corcubión con máis sorte. Só houbo dous mortos e o resto da tripulación foi rescatada polas mulleres da aldea de Ameixenda, no concello de Cee. O programa que presenta X. H. Rivadulla Corcón fala neste capítulo da solidariedade que xorde a raíz dun naufraxio.

O espazo da Televisión de Galicia (TVE) estará con Jaime Miguélez, fillo dun dos náufragos do Bahía; con Fernando Saavedra, que na época do suceso era patrón maior de Redondela, confraría á que pertence o porto de Cesantes; con Juan José González, párroco de Cesantes polas datas do afundimento, e con Manuel Castro, redeiro do Bahía.

O cerqueiro regresaba a porto logo da campaña da anchoa do País Vasco o 2 de xuño de 2004 cando, fronte ao porto de Malpica, preto das illas Sisargas, marchou ao fondo do mar polas malas condicións deste. Os mariñeiros falecidos eran de Redondela, Cesantes, Cangas e Panxón e as familias tiveron, durante as primeiras horas, que enfrontarse á incerteza de non saber se había superviventes. En Corme, a onde foron trasladados os corpos que apareceron, as familias souberon da mala noticia. Unhas tiveron que enfrontarse ao duro transo de recoñecer os corpos e, outras, ao de non ter corpo que enterrar. Hoxe, levántase preto da praia de Cesantes un monumento homenaxe aos mariñeiros que aínda faltan das súas casas.

O pesqueiro Isla de Tambo, pola súa parte, afundiu o 28 de xaneiro de 1966 cando entraba na ría de Corcubión para dirixirse a descargar neste porto. Á altura do illote do Carrumeiro, arrimouse moito á costa e tocou fondo, quedando encallado. Embarrancou preto da aldea de Ameixenda, cuxas mulleres lles axudaron aos accidentados. Só morreron dous mariñeiros: Manuel Pazos e Tomás Otero. Náufragos falará con dous dos superviventes daquel accidente: Manuel Santiago e Baltasar Carabelos. Tamén co fillo deste último e coa muller de Manuel Santiago, Aurora Vázquez. Do suceso xurdiu unha fermosa amizade entre auxiliados e auxiliadores, que lembrarán os entrevistados e que, no caso dos Carabelos, se prolonga ata a actualidade, transmitíndose de pais a fillos.