O programa da Televisión de Galicia (TVG) O Gato con Botas terá hoxe como convidado ao doutor José Ramón González-Juanatey, xefe do Servizo de Cardioloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS). Manuel Manquiña recibirá na súa casa ao reputado especialista, ao que tamén acompañará durante un día para coñecer os seus hábitos e rutinas, tanto dentro coma fóra do centro hospitalario.

O equipo que lidera no CHUS este profesional foi recoñecido como o mellor Servizo de Cardioloxía de España durante tres anos seguidos. Non só isto avala os seus éxitos e traballo, senón que tamén foi elixido médico do ano e presidente da Sociedade Española de Cardioloxía.

O doutor Juanatey é competitivo ao extremo. Tamén no deporte. Tenista disciplinado, foi campión galego nesta disciplina. Moi estrito coa súa dieta e apaixonado da actividade física, porá a proba a resistencia de Manquiña correndo e xogando ao tenis.

O profesional contará para a TVG como conseguiu esquivar o seu destino, traballar no mar, para converterse nun dos mellores cardiólogos de España. Tamén falará de saúde e faralles recomendacións aos espectadores sobre os hábitos alimentarios axeitados para seguir unha dieta saudable.

Por outra banda, o programa ZigZag Diario contará hoxe coa presenza no estudio de gravación de Felipe Lage, produtor do último filme do director coruñés Oliver Laxe, Mimosas, que acaba de ser premiado en Cannes. A viaxe mística polas montañas marroquís para cumprir a última vontade dun ancián sufí, rodada polo galego, recibiu o Premio da Semana da Crítica, un fito para a historia do cinema do país. O programa da TVG falará polo miúdo con Lage sobre a produción. Ademais, esta entrega do espazo, dedicada ao cinema, emitirá unha reportaxe sobre a S8 Mostra de Cinema Periférico, que se celebrou na Coruña e que sitúa anualmente esta cidade como un referente na creación audiovisual contemporánea ao carón de recoñecidos eventos como o Images Festival, de Toronto; o 25 FPS, de Zagreb, ou a Viennale.

Ademais, Cee acolle a entrega de premios do Concurso de Murales de Azulexos Lar da Costa da Morte. A Revista desprazarase en directo á vila coruñesa para ver as creacións deste ano e coñecer cales resultan premiadas. Nesta sétima edición, participan no evento nove centros educativos e dúas asociacións da contorna, mentres que o tema elixido para os traballos son os deportes náuticos.

O programa diario da TVG estará tamén en Silleda. O recinto da Feira Internacional de Galicia Abanca acollerá ata o día 12 o Salón Turístico de Galicia.