A Crtvg estrea hoxe o programa Destino Santiago, primeira grande experiencia en España da chamada slow TV, concepto implantado pola canle pública norueguesa NRK e que na súa versión galega recibe o nome de televisión amodiño. Os medios públicos de Galicia emitirán multiplataforma, durante 40 xornadas, a peregrinación en tempo real dos artistas musicais Lucía Pérez e Tonhito de Poi ata Compostela, seguindo o Camiño Francés.

O espazo, que contará con máis de doce horas de emisión ininterrompida en directo, poderá verse en streaming pola web da Crtvg e seguirse a través de todos os soportes dos medios públicos: Televisión de Galicia (TVG), Radio Galega, web e redes sociais. En total, Destino Santiago vai sumar ao redor de 300 horas de emisión ao vivo e contará con conexións nos programas Galicia por diante, A Tarde e Somos Quen da Radio Galega, e A Revista e Área Pública da TVG. Nas fins de semana emitirase un programa resumo na TVG.

Para poder levar a cabo esta innovadora experiencia, xurdida dentro do Laboratorio de Innovación Audiovisual de Galicia, Labovisión, a Crtvg creou o portal TVG Amodiño e a páxina www.destinosantiagotvg.gal, a través das que emitirá a evolución e situacións con que se atopen os camiñantes de 08.00 a 20.00 horas.

Os protagonistas de Destino Santiago farán cada día unha etapa duns 22 quilómetros, partindo desde Roncesvalles. Ademais de amosar o que aconteza en cada momento en directo, a web dos medios públicos incluirá vídeos, resumos das etapas e fichas de cada tramo do Camiño.

Os seguidores do programa tamén contarán nas redes sociais cun chat para poder conversar en tempo cos dous protagonistas desta experiencia.

Por outra banda, A Revista estará hoxe presente en distintos actos conmemorativos do Día Mundial da síndrome de Down. Ademais, contará no estudio con María José Jimeno e o seu fillo, afectado por esta alteración xenética, e co actor Pablo Candal, a quen os espectadores da TVG poderán proximamente no programa Street Down, en que viaxará por Galicia con outro mozo amosando o país cos seus ollos.

Os reporteiros do programa farán seguimento dunha xornada que, este ano, ten como lema Cárgate de solidariedade!. Down Galicia está realizando unha campaña para obter financiamento para os programas de autonomía persoal que realizan as diferentes entidades que conforman a organización. Pódese contribuír mercando unha batería recargable externa creada para a ocasión.