A Televisión de Galicia (TVG) estrea esta noite a comedia de enredo Little Galicia, a primeira película galega do xénero filmada en Nova York. Rodada en 2014 polo director galego Alber Ponte, a longametraxe foi producida coa participación da canle pública e chega por primeira vez á pequena pantalla.

O galego Fran Grela e o madrileño Gustavo Salmerón interpretan os papeis dos protagonistas desta historia que recrea a vida dos emigrantes galegos na Gran Mazá, cos escenarios máis representativos da comedia romántica como pano de fondo.

Carlos viaxa dende Noia aos Estados Unidos co seu amigo Gonzalo para que o represente nunha voda familiar mentres el atende outros plans, pero a vida neoiorquina acabaraos involucrando nunha trama de humor, acción e sorpresas á altura das mellores películas do xénero. Outros actores ben coñecidos polos espectadores da TVG coma Mabel Rivera ou Mela Casal forman tamén parte do elenco da longametraxe.

Por outra banda, o ZigZag Diario convida hoxe ao estudio a Julia Martínez, frautista de Airas Ensemble, que o pasado mes de xaneiro presentaron o seu primeiro disco compacto que inclúe, entre outras, obras do compositor lucense Jesús Bal y Gay.

Os seguidores do programa tamén poderán escoitar como soa o novo disco do grupo Escuchando Elefantes e repasar, da man de Moncho Lemos, o legado musical de Chuck Berry, falecido o sábado.