O programa Land Rober Tunai Show da Televisión de Galicia (TVG) recibe esta noite a visita da actriz Lucía Regueiro e do actor e humorista David Fernández, recordado polo seu esperpéntico personaxe Rodolfo Chikilicuatre, que rebentou os índices de audiencia co seu paso por Eurovisión en 2008. O showman visitará a TVG para dar vida a outros personaxes e participar no xogo de mímica do espazo que conduce Roberto Vilar. Os espectadores poderán ver que sucede coa unión do enxeño deste cómico e a tolería do presentador de Land Rober Tunai Show.

Lucía Regueiro, pola súa parte, terá que demostrar a súa intuición policial na sección Quen vés sendo?. Aos dous invitados, unirase esta noite o actor galego Fernando Tato, que protagonizou a serie diaria da TVG, O Faro, e que participou noutras producións dos medios públicos como Libro de Familia, Matalobos ou Hotel Almirante. Colaborará na creación dunha versión diferente de A Bela e a Besta .

Por outra banda, A Revista invitará hoxe ao estudio a Marina Ledo, unha das primeiras mulleres en entrar nun corpo da Policía Local en Galicia tras aprobar as oposicións en 1981. Recentemente xubilada, a ex-axente conversará con Laura Peña sobre as súas case catro décadas de servizo no concello. Ademáis, os reporteiros do programa constatarán que os programas culinarios contribuíron a crear unha afección pola cociña que chega incluso aos máis pequenos.