A Televisión de Galicia (TVG) sairá hoxe na procura de O mellor marisco do mundo. Nesta época en que o mar está cargado de marisco, a canle autonómica quere saber se o galego é o mellor de todos. Con este entretido programa especial, farase un percorrido pola costa para coñecer as impresións e vivencias das persoas que, dunha forma ou outra, viven rodeadas de marisco. Onde se atopa o mellor? Como hai que tratalo? Cantos devotos ten en Galicia? Esta e outras moitas preguntas atoparán resposta no espazo que a TVG emite esta noite.

Partindo deste manxar, os espectadores coñecerán as historias humanas dunha chea de personaxes, xente anónima que fai do mar e do marisco unha auténtica forma de vida.

As reporteiras de O mellor marisco do mundo, Belén Vara e Ariadna Leis, estarán en Cambados, onde descubrirán os segredos do marisco galego falando con expertos mariñeiros e peixeiras de categoría. En Poio asistirán a unha intensa xornada de marisqueo cun grupo de "indomables" mulleres. Alí gozarán coas mellores ameixas e tamén coa simpatía dunhas mariscadoras moi especiais.

O programa tamén viaxará ao Grove na procura das mellores centolas e para falar cos turistas que proban o marisco por primeira vez. Ademais, as lonxas da Coruña e de Ribeira abrirán as súas portas para O mellor marisco do mundo. Cun ritmo frenético e con peixe por todas partes, a audiencia verá como é a vida nestes santuarios do marisco.