Despois de varias intentonas e de moito agardar, por fin chegou un dos momentos máis desexados polo equipo e polos seguidores do Land Rober Tunai Show: o programa contará mañá con Julio Iglesias.

Custou sangue, suor e bágoas. O programa fixo de todo e máis. Co seu fillo Julio José produciuse, sen os resultados agardados, o primeiro intento; Manolito el Pescador chegou á porta da súa casa en Punta Cana; pero non foi ata a visita de Alberto Núñez Feijóo ao programa cando a estrela internacional aceptaría a invitación de Land Rober Tunai Show.

E por fin chegou a hora, xa que o espazo da TVG ofrecerá esta semana a única entrevista concedida a unha televisión polo cantante no seu recente paso por Galicia. Así pois, o humorista Roberto Vilar vai cumprir o seu soño de estar cara a cara co artista máis importante da historia da música deste país.