A Revista da Televisión de Galicia (TVG) achegaralles hoxe aos espectadores a música galega. Os reporteiros do programa asistirán á segunda edición da Semana das Músicas do Audiovisual no Palacio da Ópera da Coruña, un festival singular organizado pola Academia Galega do Audovisual e pola Orquestra Sinfónica de Galicia coa intención de darlles protagonismo ás músicas para cine, televisión e outros medios audiovisuais.

Ademais, no estudio de gravacón estarán dous compoñentes da orquestra Saxo Compostela: a súa directora artística Elisa Arias, e o compositor e arranxista José Pérez, que presentan novo disco, en que lle renden homenaxe a Reveriano Soutullo, unha das figuras máis senlleiras da música clásica galega.

Por outra parte, coa chegada do Nadal, os reporteiros de A Revista irán de tendas por Santiago para coñecer cales son os xoguetes de moda nestas festas. Ademais, a colaboradora e avogada Ana Camiño falará de porque é importante e para que serve un letrado.

'Zigzag'

Por outra banda, o programa Zigzag da TVG 2 recibirá hoxe a visita do fotógrafo alacantino Alfonso Almendros, gañador do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, certame lanzado polo festival Outono Fotográfico, que trata de promover a fotografía contemporánea e as cuestións éticas que suscita respecto ás formas de dominación e imposición de límites ao pensamento. Almendros fíxose co premio co documental ficcionado To name a mountain, en que fai unha investigación sobre a viaxe polas Montañas Rocoas realizada en 1863 por Albert Bierstad e o seu amigo Fitz Hugh Ludlow.

Aproveitando a presenza deste artista, o espazo da TVG 2 fará un repaso do que está a ofrecer a 35ª edición do Outono Fotográfico, un certame que se erixe xa como un clásico das citas culturais de Galicia. Con 66 espazos expositivos e a participación de 280 artistas, o festival visita este ano 18 cidades galegas e 4 do norte de Portugal.

Sen deixar de lado a fotografía, o programa falará con Margarita Ledo, comisaria da exposición no Consello da Cultura Galega da fotógrafa catalá Anna Turbau. Ledo escolmou o legado da autora en Galicia entre os anos 1975 e 1979, cando realizou un arquivo fotográfico para presentar a nosa comunidade dun xeito distinto ao habitual.

Por outro lado, Zigzag referirase hoxe tamén á estrea do novo vídeo musical da rapeira Wöyza, titulado Shh e extraído do seu disco Pelea. Tanto a canción coma o vídeo intentan explicar a arte da sedución máis alá do sexo e o erotismo.