O ma gazine A Revista da Televisión de Galicia (TVG) estará hoxe en directo no Hospital Materno Infantil Teresa Herrera da Coruña para dar a coñecer a Unidade de Hospitalización de Onco-Pediatría e a área de Rehabilitación Integral Cardiovascular Infantil, que acaban de inaugurarse.

As instalacións, financiadas pola Fundación María José Jove, están formadas por un control de enfermería central, cinco habitacións de hospitalización, un cuarto de estar de pacientes e acompañantes e un ximnasio de rehabilitación. As habitacións da Unidade contan, amais, con preparación para aloxar pacientes oncolóxicos con posibilidade de illamento.

Para a segunda conexión da presente edición do espazo da canle autonómica, un equipo de reporteiros se achegará ata unha cafetería de Ourense onde se aprenderá a elaborar doces típicos do Entroido. Continuando con esta temática festiva, Sevi Martínez contará no estudio con Alberto, Marta e Bea Pérez, organizadores do programa de actividades do Entroido de Muíños, que ten como protagonista a figura do cabreiro, recuperada polos veciños no ano 2004. O traxe, orixinario de Vilar de Cas na parroquia de Souto de Limia, simboliza o animal típico desta zona de montaña.

Amais, A Revista contará no estudio coa presenza da xornalista Carla Reyes, que falará da desaparición das azafatas na Fórmula 1, e do doutor Ignacio Balboa, que achegará consellos do máis saudable.