O espazo Zigzag recibirá hoxe a visita de Carlos Valdés e Celia Recarey, editores de Irmás Cartoné, unha pequena editora independente dedicada á tradución ao galego de textos clásicos da literatura universal. Tamén estará nos Fondos Reservados de Moncho Lemos Coque Dosil, programador do Melona Fest, que por terceiro ano consecutivo trae a Santiago os mellores grupos underground, desde Esplendor Geométrico, pioneiro da música industrial en España, ata os novísimos Baiuca. Ademais, entre as actividades complementarias están a charla Eu fíxeno antes, sobre o plaxio e a influencia, proxección de documentais e radio en directo.

A sala de exposicións do Pazo Municipal da Coruña acolle ata o próximo día 29 a mostra De animan rebus, que tamén hoxe visitará o programa Zigzag, da TVG2. A mostra amosa obras de dous escultores, o coruñés Nito da Vila, que deixa os pinceis para meterse de cheo na escultura, e do pontevedrés Francisco Remiseiro. O dúo de escultores explora os sentimentos do ser humano, coa duda, a ira e a desesperación reflectidas nas súas obras.

Festival de Málaga

Finalmente, o programa conversará co seu director de Memorias de un hombre en pijama, a primeira película de animación que competirá na sección oficial do Festival de Málaga. Carlos Fernández falará deste acedo retrato dos solteiros do século XXI, adaptación do cómic homónimo de Paco Roca.