O coruñés César Bonilla, que levou a empresa familiar de churros e patacas a converterse nunha firma de prestixio que envía os seus produtos a Corea, París ou Italia, será un dos convidados de hoxe no Vivan as tardes! da Televisión de Galicia (TVG). Bonilla empezou fritindo de noite e repartindo as patacas coa súa moto pola Coruña. Hoxe, a empresa familiar factura millóns de euros anuais. A terceira xeración, co seu fillo Fernando, xa está á fronte do negocio e contará o que aprendeu de seu pai, quen segue indo pola fábrica e polas churrerías cada día.

Tamén estará esta tarde no estudio de gravación Montse, de Gondomar, que xa desde pequena tivo claro que a súa vida xiraría arredor das fichas dos quebracabezas. A afección non fixo máis que medrar e hoxe, con 40 anos e un fillo de 2, non só a súa casa está chea de quebracabezas, senón tamén a súa cabeza. O seu home é o seu "pinche axudante" nos campionatos aos que acode e soña con ter un anaquiño para comezar o gran reto: o quebracabezas de 18.000 pezas que agarda enriba da mesa do salón.

Pola súa parte, Lolenka está feliz co seu cambio de vida. Escolleu a avogacía por tradición familiar e, despois de dedicarlle moitos anos, decidiu dar un xiro. A súa vea artística gañoulle á práctica, así que pechou o despacho e decidiu apostar pola sua paixón, a restauración de mobles. Colleu o traspaso dunha tenda de Ferrol da que xa era cliente e dende hai poucos meses goza da súa nova profesión.