Dentro do novo ciclo Por fin é l uns!, que cada semana ofrecerá o cine galego máis actual, Televisión de Galicia (TVG) estrea esta noite Os fillos do sol, película para televisión que narra as orixes dos laboratorios farmacéuticos galegos Zeltia. Ambientada fundamentalmente en Galicia (concretamente no Porriño, Vigo e Santiago), esta coprodución entre a TVG e TV3, realizada polas produtoras Portocabo e Diagonal TV, presenta unha apaixonante historia de ambición e superación persoal.

Dirixida por Ramón Costafreda e con Pablo Derqui, Xosé Barato, Vichy Luengo, Víctor Duplá, Xulio Abonjo e Tamar Novas como protagonistas, esta longametraxe narra a historia épica de catro visionarios que, en plena posguerra en España, lograron crear unha das empresas farmacolóxicas máis importantes do século XX.

Os fillos do sol conta o xerme dunha empresa que nace no Val da Louriña, un lugar típico do rural galego que pasa a albergar a sede da ciencia e da tecnoloxía máis innovadoras. En plena posguerra, xérase unha burbulla arredor dun proxecto pioneiro e próspero.

En 1939, o brillante científico catalán Fernando Calvet, que con 23 anos se convertera no primeiro catedrático de Química Orgánica da Universidade de Santiago, incorpórase ao lanzamento da empresa químico-farmacéutica Zeltia como director do equipo de investigación. Acompáñao nesta aventura o seu amigo Ramón Obella, médico e empresario compostelán con grande imaxinación e olfacto empresarial, con quen fundara anos antes o grupo naturista Os fillos do sol. Tamén participan na aventura os irmáns José e Antonio Fernández López, principais impulsores financeiros do proxecto. O seu obxectivo era o aproveitamento da flora e dos residuos orgánicos da zona para a produción de fármacos destinados ao consumo humano, veterinario e agrícola.

Nun momento histórico hostil, os seus laboratorios do Porriño pasan a converterse no epicentro da ciencia moderna, asentando as bases dun grupo empresarial que aínda hoxe é un referente. Coa TV-movie que a TVG estrea hoxe, os espectadores poderán coñecer a súa historia.