Os medios públicos galegos súmanse á celebración do Día das Letras Galegas ofrecendo unha programación especial ao longo de toda esta semana dedicada á autora homenaxeada este ano, María Antonia Moreno, escritora de literatura infantil e xuvenil en lingua galega, que exerceu como mestra e, aínda que era estremeña de nacemento, avogou sempre pola defensa da nosa lingua.

Ademais da cobertura informativa dos principais actos e actividades que se desenvolverán en Galicia con motivo da efeméride, a Televisión de Galicia (TVG) achegaralles aos espectadores documentais, longametraxes e monográficos que afondarán na vida e obra da escritora.

Na véspera do Día das Letras, a TVG estreará a primeira ficción sobre a vida de Rosalía de Castro, Contou Rosalía. Unha película para televisión coa que se pretende ofrecerlle ao público televisivo unha nova ollada sobre quen segue a ser un mito, un dos símbolos de Galicia máis vivos no imaxinario colectivo. Ambientada no Madrid de mediados do século XIX, contará como foi a vida social de Rosalía, como viviu a súa paixón de escritora e o seu reencontro co historiador Manuel Murguía. Tras a emisión da TV movie emitirase un documental sobre a escritora padronesa.

O 17 de maio, a TVG ofrecerá na sobremesa unha edición especial de ZigZag Diario na que, baixo o lema Os herdeiros de María Victoria, fará un percorrido polos autores galegos que máis venden na actualidade nos distintos xéneros literarios, ademais de realizar entrevistas a escritores en quen tivo unha especial pegada a súa relación coa autora homenaxeada, como é o caso do poeta e narrador Xesús Rábade Paredes, un dos seus discípulos máis destacados.

A canle pública galega achegará pola tarde unha edición especial de cinema coa emisión de Todo é Silencio, longametraxe participada pola Galega e dirixida por José Luis Cuerda. Baseada na novela de Manuel Rivas, está ambientada no narcotráfico galego da década dos oitenta. Ao remate, poderase ver unha entrega do programa No Bico un Cantar centrada na orixe e nas distintas versións da canción da Carolina, un dos temas máis cantados e escoitados polos galegos.

Ao longo de toda a semana, a obra de María Victoria Moreno chegaralles aos fogares galegos tamén a través de pezas audiovisuais realizadas a partir do conto A festa no faiado e da novela xuvenil Anagnórise, dúas obras representativas desta autora, que se irán intercalando entre a programación da TVG.

Os máis pequenos da casa gozarán na TVG 2 coa estrea dunha nova serie dos Bolechas, baseada na colección As miñas primeiras Letras Galegas. Cada día, nas faixas do almorzo e da merenda, poderán ver no formato dos Bolechas unha entrega centrada nun autor ou autora ao que se lle dedicou esta data. En total serán sete capítulos que achegarán a figura e obra de Ánxel Fole, Carlos Casares, Álvaro Cunqueiro, Manuel Murguía, Eduardo Pondal, Rosalía de Castro e a propia María Victoria Moreno.

Nesta Semana das Letras Galegas, a TVG 2 ofrecerá cada xornada no prime time unha longametraxe galega destacada que irá sucedida dunha selección de documentais sobre autores ilustres galegos que foron homenaxeados nesta efeméride. Bonito Crime do Carabineiro, película baseada na obra do premio Nobel Camilo José Cela, precederá hoxe a unha dobre oferta de documentais: Rosalía, a musa dun pobo, que fai un percorrido pola súa vida e traballo literario a través dos testemuños de estudosos, e Cantares Gallegos, realizado con motivo dos 150 anos da publicación do libro.

A película Doentes, baseada nunha obra teatral homónima de Roberto Vidal Bolaño, antecederá mañá á emisión de Recuperando a Vidal Bolaño, documental que percorre a vida do dramaturgo compostelán desde catro perspectivas: a persoa, a obra, o escritor e o espectáculo. A TVG 2 continuará na véspera do Día das Letras ofrecendo Cantigas de Celso Emilio, sobre a poesía social e comprometida do escritor de Celanova, que inspirou a música de numerosos artistas galegos nos últimos anos de franquismo e durante a transición democrática, e O instante eterno, de carácter biográfico sobre Xosé María Díaz Castro.

O Día das Letras Galegas, a segunda canle da Galega estreará o documental María Victoria Moreno sobre a vida e obra da autora homenaxeada este ano. Seguirao a emisión de Manuel María. Paixón de palabra e terra, dedicado a esta figura fundamental para a restauración da lingua e da literatura galegas nos anos de posguerra, sendo o primeiro autor novo que publicou un libro en galego despois da guerra civil.

O venres péchanse estes ciclos especiais na TVG 2 coa road mo vie Os Crebinsky, de Enrique Otero. Unha película con trazos de surrealismo e cine bélico, que debuxa un universo máxico que triunfou en varios festivais do sector. A maiores, proporase un monográfico do programa Vivir aquí sobre Carlos Casares, elaborado coas lembranzas e anécdotas contadas polo propio autor, que trazan o seu perfil humano e autobiográfico, e o documental 100% CEF, que reconstrúe a figura de Celso Emilio Ferreiro a través de entrevistas a autores e expertos na súa obra, ademais de a familiares e amigos.

A Radio Galega implicarase tamén ao longo de toda a semana coa celebración da efeméride, ofrecendo contidos que permitan un maior coñecemento da autora e da súa obra, como entrevistas a biógrafos, escritores e familiares nos distintos programas da emisora pública.

O propio 17 de maio, o presentador Kiko Novoa desprazarase ata o Teatro Principal de Pontevedra para realizar en directo o espazo Galicia por Diante, entre as 08.00 ata as 12.00 horas, e que será transmitido pola web da Crtvg. O programa Diario Cultural tamén ofrecerá, como é costume, unha edición monográfica sobre as Letras Galegas.