A Coruña 'triunfa' en Cannes

17.05.2016 | 00:56
Oliver Laxe (terceiro pola esquerda), con representantes de Agadic, na presentación de ´Mimosas´, onte en Cannes.

O espacio Miramar do festival de Cannes viviu onte a súa xornada máis galega coa estrea mundial da película Mimosas, do realizador coruñés Oliver Laxe, primeira cita destacada da intensa presenza que o cinema galego está a ter na actual edición do certame francés, no que tamén se proxectará nos próximos días a curta Decorado, do tamén coruñés Alberto Vázquez.

No seu primero pase, o filme obtivo unha moi boa acollida por parte do público e dos profesionais acreditados. O propio Oliver Laxe e parte do equipo de Mimosas presentou na sala este traballo, producido por Zeitun Films e subvencionado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

A presentación de Mimosas, da que se ofrecerán un total de nove pases, implica o regreso a Cannes de Oliver Laxe seis anos despois de que obtivese o premio Fipresci da Quincena de Realizadores por Todos vosotros sois capitanes, a súa ópera prima. Nesta ocasión, o cineasta galego firma un conto épico sobre a fe, que relata a historia dos dous personaxes protagonistas, Ahmed e Said, e a súa viaxe por encontrar un camiño a Sijilmasa, lugar no que deben enterrar un maestro sufí. A rodaxe do filme tivo lugar en Marruecos, lugar de residencia actual de Laxe, en localizacións naturais de grande beleza como as montañas nevadas do Anti-Atlas, o lago Ifni ou os vales do Tamalloute.

A proxección de Mimosas e de Decorado supón que a produción ou creación galegas están presentes en dúas das sete obras procedentes de todo o territorio español que este ano están presentes nas distintas seccións do festival.

Por outra parte, a sección oficial do festival contou coa presentación de Paterson na que Adam Driver cambia por completo de estilo tras a súa popularidade por encarnar o novo da saga Star Wars.

Trátase dunha película especial coa que Jarmusch realiza unha particular homenaxe á poesía a través da figura do poeta e médico William Carlos Williams, orixinario de Paterson (Nueva Jersey), que titulou como a súa cidade natal unha das súas principais obras, nome ademais do protagonista e título do filme. Na alfombra vermella se puido ver tamén á española Rossy de Palma, membro do xurado.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine