Hospitalizado o cantante de Red Hot Chili Peppers

17.05.2016 | 00:56
O cantante Anthony Kiedis.

O cantante do grupo estadounidense Red Hot Chili Peppers, Anthony Kiedis, foi hospitalizado o domingo á noite por fortes dores no estómago, polo que o grupo veuse obrigado a cancelar un concerto que tiña previsto no Anfiteatro Irvine Meadows en Irvine (California), informaron onte medios estadounidenses.

O baixista do grupo, Flea, deu a noticia sobre a hospitalización do seu compañeiro, de 53 anos, aos asistentes ao concerto.

"Anthony está de camiño ao hospital neste momento e non podemos tocar esta noite. Sentímolo moitísimo. Estamos moi tristes. Querémosvos moito e vivimos para o rock... Pero, por desgracia ocorreu un asunto médico e ten que ser tratado", explicou o músico. O batería da banda, Chad Smith, tamén expresou na rede social Twitter os seus desexos "dunha pronta recuperación" para o seu "irmán Anthony".

A histórica banda de rock californiana anunciou hai dez días a publicación do seu undécimo álbum, The Getaway, que sairá o próximo 17 de xuño á venda e do que xa presentou o primeiro single, Dark Necessities.

O grupo, que ten prevista xa unha longa xira para este verán, non deu máis detalles sobre o estado de saúde do cantante, pero tampouco cancelou ningún outro concerto programado.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine