Ademais de Estrelecidas, a Domus contará no seu programa mañá cun obradoiro sobre ADN, no que o alumnado de Primaria do instituto Eusebio da Garda estudará o xenoma da froita e realizará un xogo de cartas para coñecer a científicas relevantes. Pola tarde, ás 19.30 horas, haberá unha charla sobre cáncer, da man da oncóloga do Hospital Universitario Rosario García Campelo. A celebración do Día da Muller e a Nena na Ciencia rematará o sábado ás 12.00 horas cunha actividade da Unidade de Divulgación Científica da Universidade da Coruña (UDC), Atrévete a investigar con elas! A cita estará protagonizada por catro investigadoras da UDC, que compartirán cos asistentes a súa traxectoria.

No Muncyt, os actos da Domus terán o seu eco a fin de semana con experimentos e experiencias sobre estudosas destacadas da historia. O mércores 19 de febreiro, ás 19.30 horas, a matemática Amelia Verdejo ofrecerá a charla Mulleres esquecidas na ciencia, na que tomarán o mando as científicas silenciadas. Haberá ademais unha yincana sobre pioneiras, activa ata o 1 de marzo.