O xornal LA OPINIÓN apostou hai catorce anos por recoñecer o traballo que estaban a desenvolver os músicos galegos que traballaban no eido da música de raíz coa creación dos PREMIOS OPINIÓN. O galardón pretenden valorar o labor efectuado por uns artistas que son quen de amosar a vitalidade creadora do país cos seus traballos, que cada día contan cun maior prestixio internacional. A creación destes recoñecementos constituíu unha iniciativa pioneira, posto que durante bastantes anos foron os únicos galardóns que recoñecían en Galicia o labor dos profesionais da música, neste caso centrados nunha estilística que abranguía os traballos que podían denominarse como música de raíz.

No plano informativo, este xornal sempre tivo unha páxina semanal especializada para comentar as informacións que se producían neste campo e servía para potenciar as propias informacións que se ían elaborando a diario ao fío da actualidade que tiña relación cos músicos, xa fora co lanzamento dun novo disco ou escribimdo sobre unha actuación.

O punto culminante dos premios ten lugar cunha cerimonia de entrega que se converteu na noite máis festiva da música de raíz galega. Ao longo das catorce edicións celebradas pasaron polo escenario algún artistas moi sobranceiros no panorama musical galego e así o público asistente puido escoitar, entre outros, a Milladoiro, Berrogüetto, Mercedes_Peón, Xosé Manuel Budiño, Fía na Roca, SondeSeu, Lizgairo, Guadi Galego, Nova Galega de Danza, Os Cempés, Nordestin@s, Germán Díaz, Maite Dono e aCadaCanto.

Tamén se tivo moi en conta á música tradicional e polo escenario pasaron grupos como Ruote, Xiradela, Taravela, Moxenas Musical Galego, Pablo Devigo e a Escola de Folclore de Betanzos.

Na oitava edición dos PREMIOS OPINIÓN realizouse unha homenaxe ao mítico grupo Milladoiro co gallo do seu trixésimo aniversario de carreira. Esta banda é un referente musical para toda unha xeración, que comezou a escoitar música folk grazas aos álbums do conxunto e así comprenderon que existía un vieiro aberto por onde as raíces musicais galegas podían ofrecer á audiencia un traballo de gran calidade nuns tempos nos que este tipo de música semellaba languidecer diante do empuxe doutros estilos. A idea artística foi a de realizar versións musicais afastadas do orixinal, que ofreceran unha nova perspectiva do traballo de Milladoiro. Os temas creados por Anxo Lorenzo, Entre trastes, Aló irmão, Cuarteto Caramuxo, Pedro Lamas- Jacobo de Miguel, Ophiusa e Bonovo foron incluídos no álbum Perspectivas, unha obra especial que se repartiu de balde entre os lectores e que recibiu o apoio para o seu lanzamento da Xunta de Galicia, por medio do Agadic e o Xacobeo 2010. A décimo primeira edición dos PREMIOS OPINIÓN veu con novidades. Logo de estar unha década premiando os tres mellores discos do ano, pasouse a contar con tres categorías cos seus correspondentes finalistas. Mantívose o apartado de mellor álbum do ano e engadiuse o de mellor tema orixinal e artista.

Ao longo deste tempo a gala de entrega serviu para lles dar a alternativa musical en público ao dúo Espido e á solista Sonia Lebedynski e practicamente para o grupo de zanfonistas 8 Rodas, xa que a súa presencia nas táboas do teatro Rosalía significaba o segundo concerto da súa andaina. Tamén houbo ocasión para facer unha actuación especial cando Anxo Pintos tocou os temas da súa banda sonora para a curtametraxe documental Percebeiros, coa proxección de imaxes da obra na pantalla mentres tocaba, cuxo protagonista é o cantante Serxo Ces, coñecido por ser a voz dos Cempés, quen acompañou esa noite a Pintos interpretando ao seu carón un par de pezas.

Unha noite especial, pola súa significación emocional, foi a que tivo como protagonista ao grupo lalinés Dhais na décimo segunda edición dos galardóns. Levaban máis dunha década sen subir a un escenario e o motivo da súa actuación veu propiciado por unha homenaxe adiada no tempo a dous dos seus antigos compoñentes, que finaron sendo parte do grupo. O PREMIO OPINIÓN Andaina Senlleira foi creado para recoñecer traxectorias sobranceiras no eido da música de raíz en calquera campo. Así nas

oito edicións celebradas houbo espazo especialmente para os músicos no palmarés, coa presencia de Emilio Cao, Berrogüetto Na Lúa e Fuxan os Ventos, mais tamén houbo recoñecementos para a musicóloga suíza Dorothé Schubarth, a asociación compostelá Cantigas e Agarimos e o técnico de son Pablo Barreiro, ademais de salientar o labor de Antón Corral, home multidisciplinar ao que tanto podemos considerar artesán coma mestre ou músico.

E seguindo coa evolución do galardón, a última edición significou un cambio no nome, deixando a primixenia denominación de folk fóra para ser denominados actualmente como PREMIOS OPINIÓN da Música de Raíz.