#RRR. O medio ambiente necesita a túa axuda é o lema da campaña online que Sogama lanza para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente e que destina aos 295 concellos adheridos ao seu modelo de xestión a fin de axudalos a implantar medidas efectivas (Reducir, Reutilizar e Reciclar) coas que minorar a xeración de refugallos en orixe e incrementar as súas porcentaxes de reciclado, en liña coas directrices europeas na materia, enmarcadas á súa vez no paquete de economía circular.

Con esta iniciativa, a sociedade pública pon a disposición dos concellos, e de calquera interesado, recursos divulgativos que toman a forma dun manual de boas prácticas, con vocación didáctica e asequible para todo tipo de público, e catro microvídeos a través dos cales abunda nas funcionalidades dos principais contedores ubicados nas vías públicas para o depósito de residuos, concretando o que debe e non debe depositar o cidadán en cada recipiente. A pretensión última é axudar á poboación a que efectúe unha selección de maior calidade, sendo esta un factor clave para incrementar as taxas de reciclado.

Pero, máis aló das iniciativas de educación e concienciación ambiental en materia de residuos, que son unha constante na estratexia corporativa de Sogama, a empresa, no marco do proxecto de ampliación do complexo industrial de Cerceda, xa conta, desde novembro de 2018, cunha nova planta de recuperación de materiais contidos na denominada bolsa negra (residuo convencional) na que se logra clasificar, con tecnoloxías de última xeración enmarcadas na industria 4.0, ata 11 tipoloxías de residuos para a súa posterior remisión á industria transformadora, propiciando a súa conversión en recursos.

Nese afán de renovación e mellora continua, a empresa acometeu a principios do ano en curso a remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de codbustible a fin de actualizar procesos e optimizar funcionalidades. Será este mesmo verán cando Sogama culmine as obras de ampliación do seu complexo industrial, que pasará a converterse no máis innovador, eficiente e moderno de Europa, e un dos de maior envergadura no actual escenario mundial.

Cun investimento de 29 millóns de euros, a ampliación de Sogama permitirá que a entidade trate de forma óptima todos os residuos que chegan ás súas instalacións e, no marco das directrices europeas, sexa capaz de cuadriplicar as súas taxas de reciclaxe e chegar, xa en 2020, ao vertido técnico cero (10%), obxectivo establecido polo Parlamento Europeo para os países membros no horizonte de 2035. Isto quere dicir que Sogama dará debido cumprimento a este reto con 15 anos de antelación. A media de vertido en España rolda o 57%, e que Sogama, de forma progresiva, veu diminuíndo o depósito de lixo en vertedoiro, prevendo baixar ao 10% o próximo ano, porcentaxe que aglutina aquela parte dos refugallos que, dadas as súas características, non se pode reciclar nin recuperar enerxeticamente.

Nunha xornada tan emblemática como a de hoxe, Día Mundial do Medio Ambiente, Sogama quere estreitar lazos coa cidadanía para facer efectiva a recuperación de residuos e a súa transformación en recursos. A vía industrial, a través da innovación tecnolóxica e unha maior colaboración dos concellos e cidadáns, propiciará que a comunidade poida contribuír, de forma decidida e con garantías, ao cumprimento dos obxectivos europeos e avanzar así cara ao verdadeiro desenvolvemento circular: máis reciclaxe e menos vertido.