30 de julio de 2015
30.07.2015
Érica Esmorís Premio Merlín de Literatura Infantil 2015

"O importante é que a aventura que conto aos nenos actuais lle guste á nena que fun"

"Cando escribo un libro que non é encarga, cústame máis. Cando é algo que ten que ser de determinada maneira, entón a mente ponse a traballar"

30.07.2015 | 11:09
"O importante é que a aventura que conto aos nenos actuais lle guste á nena que fun"

Érica Esmorís (A Coruña, 1977) convertiuse nos últimos anos nunha referencia da literatura infantil en galego. Amante de viaxar coa súa furgoneta e da natureza, gañou o prestixioso Premio Merlín o pasado xuño coa Nena e o mar. Presenta esta tarde ás 19.30 horas o seu novo libro, Ulises e as cronoamigas, na libraría Moito Conto da Coruña (San Andrés, 35). Nesta aventura os nenos acompañarán a un grupo de rapazas na súa viaxe aos anos 50, resolvendo misterios e participando en campionatos de surf.

-Como lle xurdiu a idea do libro?

-Foi unha especie de encarga. Sushi Books fíxome unha proposta para libros entretidos e actuais, sobre todo para nenos preadolescentes, e que tivese, ademais de aventuras, unha parte ilustrada e tamén con xogos. É algo do que había exemplos nas literaturas inglesa e española, pero polo momento non na galega. Entreguei dúas propostas de colección para nenas. Ulises e as cronoamigas foi a que máis lles gustou e tamén é a que máis me gustaba a min.

-Por que era a que máis lle gustaba?

-Tiña unha parte moi importante de aventuras e divertida, pero tamén un componente educativo no que me gusta afondar. Por exemplo, neste primeiro capítulo, as nenas viaxan aos anos 50. Repaso a historia de España, do mundo e dos Estados Unidos, as rapazas proceden de aló. Parecíame unha proposta máis completa para escribir.

-Que cre que fai que este tipo de libros e contidos sexan fáciles de absorber?

-Pode que sexa un libro cun 80% de aventura, pero o formato é bastante novidoso, co peso das ilustracións de Jacobo Fernández Serrano, os xogos e a participación familiar; tamén hai traballos e actividades para facer cos pais que fan que sexa un libro máis completo. Son consciente de que está gustando moito ás nenas. Unha vez rematado o libro comézano de novo, non o escoitara nunca antes. É un libro que gusta, que é divertido, cunha parte pequena pero didáctica.

-Que utiliza para inspirarse nestes libros?

-É estrano, pero cando é unha encarga é para min máis fácil ter moitas ideas. Canto máis diluídas son as opcións, cando escribo un libro que non é encarga, cústame máis. Cando é algo que ten que ser de determinada maneira, entón a mente ponse a traballar e non descansa. No caso concreto de Ulises, non sinto que me teña inspirado en nada, pero é un libro que sendo pequena me gustaría ler.

-A medida é que sexa algo que lle gustase a vostede de nena?

-Si, é moi importante, máis que ser un libro que literariamente sexa moi bo. O importante é que a aventura que conto aos nenos actuais lle guste á nena que fun. Por exemplo, o gañador do Premio Merlín está inspirado por libros que me marcaron moito de nena, que me gustaron moito e viaxaron comigo ao longo dos anos. Son libros que de ser pequena tería afinidade con eles.

-Ao mellor aos nenos de hoxe en día non lles funciona o que lle gustaba a vostede.

-O básico non cambia. A miña nai era fan de Pippi Langstrump; sen querelo, a miña irmá e máis eu fomos tamén fans. Agora é unha serie que non funciona pero os libros se seguen vendendo. A historia ten nun formato que fai que o que se conta sexa un pouco máis novidoso. As protagonistas do libro teñen acceso a unha especie de WhatsApp, se fala moito das novas tecnoloxías, das autofotos. Entón a aventura podería suceder hai vinte anos, pero si que está adaptada; as nenas de agora están todo o día co teléfono móbil e chateando cos seus amigos.

-Pensa que un libro debería ser didáctico ou contar historias divertidas?

-A principal mensaxe é a diversión; neste caso Ulises viaxa aos anos 50 e pasan cousas misteriosas e deben descubrir que sucede. Ao longo das aventuras tamén aprenden a facer surf. En pinceladas descubrimos como vivía a xente, como se vestían as mulleres, a música que escoitaban, a revolución do rock and roll pero dunha forma moi suave.

-Sería achegar a vida real máis que os feitos da política e a historia?

-Si. Nos anos 50 foi a primeira década na que as fillas deixaron de vestir como as nais. Iso queda reflexado no libro. Este tipo de datos parecéronme máis importantes que os datos concretos. É máis como vivían os nenos, sobre todo como vivían as rapazas os primeiros campionatos de surf femininos, por exemplo. Ese tipo de datos tan pequeniños que non aparecen tanto na Wikipedia son os que máis me importaron.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
En estas fiestas, sobran los motivos para beber elaboraciones de vino gallego. En 2018, Galicia firmó la segunda mejor cosecha de su historiay nuestras bodegas despiden el año con un buen balance en todos los sectores 

ESPECIAL

PREMIOS OPINIÓN MÚSICA RAÍZ

Premios Opinión da Música de Raíz

Consulta aquí a información dos premios de música do noso diario