O ceo nocturno da cidade cúbrese de estrelas fugaces durante os seguintes días. Este fenómeno, coñecido como as Perseidas, coincide co paso da Terra polo ronsel deixado polo cometa Swift-Tuttle, que nos visitou por última vez en 1992. O planetario da Casa das Ciencias da Coruña incluirá recomendacións para observar este fenómeno nas súas sesións desta semana. E a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío organiza unha observación no parque de Eirís o mércores á noite, de 23.30 a 03.00 da madrugada, na zona próxima aos restos arqueolóxicos do castelo.

Os amantes dos ceos nocturnos marcan agosto como a cita obrigada coas estrelas fugaces, un dos fenómenos máis agradecidos pola súa facilidade para ser observado. As Perseidas son visibles desde o pasado sábado ata o próximo venres, sendo a mellor noite a do mércores. A Casa das Ciencias adica todas as sesións do planetario a este evento ata o venres. As sesións en directo, ás 18.00 horas, están adicadas en exclusiva ás Perseidas, con sesións especiais ás 13.00 horas de hoxe ao mércores. Nestas xornadas especiais, o museo coruñés explicará a mellor forma de disfrutar as estrelas fugaces.

O responsable da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, Martín Pawley, explica que para ver a chuvia de estrelas non se precisa de "ningún material técnico". O uso de telescopio ou de prismáticos dificulta a visión deste fenómeno. A organización prepara unha xornada de observación no parque de Eirís na noite do mércores ao xoves coa esperanza de ter bo tempo. O Concello apagará as luces da zona para facilitar a observación da chuvia de estrelas. Para quen queira seguila desde outro punto, o mellor consello que se pode dar é atopar un lugar "escuro e elevado" cun ceo despexado. Todo isto dentro das limitacións que o entorno urbano deixa aos afeccionados á astronomía dada a contaminación lumínica nas cidades.

A orientación é importante. Non se pode estar nun lugar con visibilidade limitada polos edificios. As Perseidas acontecen sobre todo na zona da constelación Perseo, ao norleste, polo que o mellor é que esa zona quede descuberta. O parque de Eirís foi o punto escollido pola asociación de astronomía, pero outros lugares da cidade da Coruña, como o do Acuario, son igual de idóneos. As temperaturas baixan pola madrugada, polo que é importante levar algo de abrigo e poñerse nunha posición cómoda para disfrutar da chuvia de estrelas en compañía ou en solitario.

Non é a primeira vez que esta asociación astronómica organiza a observación de fenómenos astronómicos. O pasado marzo reuniu a moita xente no parque de Santa Margarita para observar o eclipse parcial de sol. A seguinte cita será cun eclipse de lúa en septembro, aínda que Pawley aclara que as condicións serán "menos esixentes". A lúa pode verse desde calquera punto da cidade ou o campo sen importar a iluminación.

As observacións que se poden facer desde a cidade están moi marcadas pola latitude e as condicións metereolóxicas. A contaminación lumínica segue a ser o maior reto para os amantes da astronomía. Na cidade poden verse a simple vista unhas 100 ou 200 estrelas, unha cantidade moi pequena comparado cos ceos cubertos de 3.000 ou 4.000 estrelas nas zonas do interior de Galicia.