Cos albores de século XX, A Coruña escribía unha tráxica páxina da loita social, na primeira folga xeral rexistrada no movemento obreiro galego.

O conflito arrancou o 30 de maio de 1901 cunha multitudinaria manifestación en Catro Camiños contra a carestía dos alimentos máis básicos, contra a que disparou a Garda Civil matando a un veciño de Monte Alto. O Gobernador Civil declarou o estado de guerra en toda a provincia e despregou escuadróns de cabalería por toda a cidade, mentres as sociedades obreiras, nas que o movemento anarco sindicalista era hexemónico, acordaban convocar unha folga xeral, a primeira do movemento obreiro galego, que paralizou a cidade e tivo unha gran repercusión en toda España.

Dous días despois, unha carga militar contra traballadores en folga na rúa Real deixou sete mortos máis e ducias de feridos graves. Máis dun cento de obreiros foron á cadea tras un consello de guerra que os condenou a penas de ata vinte anos de presidio. Foron postos en libertade tempo despois trala mediación de Arturo Casares Quiroga, irmán do dirixente republicano coruñés que sería ministro e xefe do Goberno en 1936.

Un monolito erixido por subscrición popular en 1906 garda aínda memoria das vítimas no cemiterio de San Amaro.

Este memorial é unha das paradas que percorrerá hoxe o Roteiro Libertario, que contará co escritor Manuel Rivas como relator dos lugares de referencia histórica e simbólica nos que se conserva a pegada do anarquismo coruñés, que tivo unha senlleira posición no anarcosindicalismo español.

O Roteiro Libertario arrancará as 11 da mañá na dársena da Mariña, que foi un dos principais escenarios das queimas de libros despois do golpe militar franquista en 1936, un episodio que Manuel Rivas relata na súa novela Os libros arden mal.

E percorrerá enclaves de gran simbolismo como a praza de San Nicolás, onde estaba a librería de José María Eirís, asasinado na brutal represión de 1937; a sede da biblioteca Xerminal, na rúa do Sol, unha lendaria referencia da cultura libertaria na Coruña, saqueada despois do golpe do 36; a Casa do Sol, fronte á praia do Orzán, construída en 1903 como dispensario médico contra a tuberculose, que frecuentaban persoas dos círculos libertarios; as casas anarquistas de Monte Alto, lugares de refuxio e resistencia; o Memorial da Avenida de Navarra onde están gravados os nomes das vítimas da ditadura, e a antiga Prisión Provincial, igualmente sinalada pola represión. O Roteiro rematará cun xantar-festa de confraternización libertaria na praia das Lapas.