De estar cada domingo no quiosco a visitar cada semana as aulas dos colexios de Primaria da Coruña. LA OPINIÓN súmase ao proxecto Os Nosos Valores do Deportivo para acompañar, reforzar e tamén trasladar a filosofía do seu coleccionable histórico, 110% Blanquiazul, aos rapaces de once e doce anos da cidade. Compañerismo, igualdade de xénero, capacidade de superación... Esas cualidades e moitas máis, todas elas intrínsecas ao mundo do deporte e facilmente identificables no día a día e na idiosincrasia do deportivismo, seguirán estando e serán parte importante desta iniciativa educativa. Tamén continuarán visitando os xogadores e xogadoras do club as aulas para que os máis pequenos lles trasladen as súas inquedanzas e compartan momentos de felicidade. Pero este ano haberá máis. Un paso cara adiante.

Da colaboración entre o Dépor e LA OPINIÓN e co patrocinio de Vegalsa-Eroski, o proxecto Os Nosos Valores-Escolas 110% Branquiazuis nace como unha experiencia integral de deportivismo para os máis pequenos. Do quiosco ás aulas e da escola a Riazor. Todos os colexios de Primaria da Coruña poderán apuntarse a esta actividade até o martes 31 de outubro no 981 217 400. Estará dirixida a alumnos de sexto curso e ofrece unha charla na que, ademais de coñecer os valores do deporte, os rapaces poderán saber de maneira amena e con ferramentas audiovisuais un pouco máis da historia do Dépor, de como era o fútbol hai algunhas décadas e da pegada do club na cidade na que viven. Os máis pequenos serán os protagonistas nunha iniciativa por e para eles que culminará o mesmo día da charla no centro educativo coa visita dun xogador ou xogadora do Deportivo e unhas datas máis adiante coa viaxe de todos os nenos xuntos ao estadio de Riazor para asistir a un partido do primeiro equipo masculino. Formación e diversión danse a man nunha actividade na que os valores do deporte e a rica historia da entidade, intimamente ligada á da súa cidade, estarán sempre moi presentes. Os rapaces, ademais, poderán participar antes e despois da conversa en concursos, un deles de redacción, no que plasmarán parte do aprendido nas charlas coas pinceladas históricas, as visitas dos xogadores ou a impactante experiencia de Riazor ou simplemente contarán o que lles suxire o Deportivo.

O mesmo modelo

Tras un traballo de máis de dous anos de investigación e dixitalización do Arquivo de Pachy Dopico, LA OPINIÓN lanzou en setembro de 2016 un coleccionable histórico do Dépor chamado 110% Blanquiazul co que quería sumarse ás festividades polo 110 aniversario do club. Naquela data, tamén coa colaboración da entidade da plaza de Pontevedra, invitou a todo o deportivismo aos baixos de Riazor como símbolo do produto que acababa de presentar. Era unha historia plural, moderna, viva, da xente e contada polas súas propias voces e parte desa filosofía é a que quere facer chegar agora ás aulas da cidade. E faino porque esa tamén é a forma de ser do Dépor, que naceu hai once décadas no corazón do barrio de Pescadería como un club modesto, popular, inquedo, orgulloso e atlántico e que continúa a ser así. Non hai nada nesta península que una máis a coruñeses de tan diversas condicións. O Dépor e LA OPINIÓN queren que ese sentimento e a semente do deportivismo xerminen nos máis pequenos.

Os responsables do coleccionable 110% Blanquiazul serán tamén as persoas que leven o peso das charlas e das visitas aos colexios en Os Nosos Valores-Escolas 110% Branquiazuis. Deste xeito, queda asegurado o selo do proxecto e da parte educativa desta iniciativa. Van a falar de novo os propios protagonistas. Lucas Pérez, Dagoberto Moll, Celso Borges, Manuel Pablo, Estefi... E moitos máis, todos aqueles que sintan o Deportivo. Xa sexan avós ou nenos de once ou doce anos.