"Come caldo, que é a raís do corpo", dille un avó á neta nun dos relatos do libro Milladoiro de contos de Adriana Andrade. Este volume recolle algúns dos alicerces do ser galego: traballos, costumes, ditos, formas de falar que hoxe xa non se oen e sobre todo unha tradición que agora case está esquecida na meirande parte do país: o traballo comunal, cando toda a aldea axudaba ao veciño en traballos como a malla, a esfolla do millo ou cavar o toxo no monte. A autora inspirouse para o libro na súa parroquia, Cerqueda, en Malpica de Bergantiños, onde esta solidariedade refulxe dende hai uns anos gracias a uns veciños que loitan para mellorar o seu pobo á marxe de institucións e administracións.

"Desde a Asociación de Veciños Monte d'Arxa, creada hai uns oito anos, xurdiron tres iniciativas en parcelas municipais que se xeraron tras a concentración parcelaria. Recuperouse un castro, creouse unha carballeira e agora estase rematando un milladoiro", explica Xosé Manuel Varela, un dos impulsores destas actividades, veciño da parroquia e profesor no Fogar de Santa Margarita na Coruña.

O milladoiro, situado no lugar das Pozacas, é a última acción destes motivados malpicáns, e a máis singular. Un milladoiro é o amoreamento de pedras que van deixando nalgún lugar os peregrinos de camiño a unha zona de culto. Son coñecidos os de San Andrés de Teixido, e en Compostela a zona máis poboada de Ames chámase Milladoiro. O miliarium en latín era no tempo dos romanos unha columna de pedra que se colocaba no borde das calzadas para sinalar as distancias, cada milla romana. En Cerqueda teñen practicamente rematado un milladoiro duns tres metros de altura que nace como símbolo da unión dos veciños e homenaxe ao traballo comunal.

En decembro de 2016 os veciños empezaron a facer chamamentos á parroquia e a todos os galegos para axudar a levantar esta peza. "É unha parcela que está detrás das antigas escolas unitarias e as vivendas dos mestres, e que hoxe son o local social e sede do clube de fútbol. Este terreo, detrás, tiña un pequeno parque infantil, nun terreo que quedou tamén despois da parcelaria, pero inaccesible polas silvas e fieitas. Tiña un valado de pedra que o atravesaba diagonalmente. Prantexamos quitalo e fixemos unha xornada de voluntariado, pedimos a veciños que viñeran axudar", conta Xosé Manuel Varela.

"Eu dixen, e onde imos tirar as pedras? E acordeime do que se facía, o de amorealas. E empezamos, pensando primeiro en xuntalas e facer unha cousa redonda, tipo palomar. Logo a cabeza empezoume a funcionar, de noite soñaba con esto, facía moldes de madeira para ensinarlles aos demais, e se lles gustaban, para adiante", conta Manuel Díaz Fernández, máis coñecido como Calviño, un canteiro que dirixiu a obra, na que tamén participou outro mestre canteiro do lugar, Jesús Dourado.

Practicamente todo o antigo valado vai dentro deste milladoiro macizo que remataron cunha peza esculpida en forma de espiga de millo, como as que están medrando agora na leira do fondo. "Leva pedras de canteiría, pedra morceña, a máis dura do país, pizarras...", apunta Calviño. Do milladoiro sobresaen dúas pedras singulares: unha, cun furado circular no medio e formada de pliegues ercínicos -"ten 350 millóns de anos", subraia Varela- é unha entosta, onde se cravaba antigamente o pao que pechaba a cancela do prado. A outra é unha peza na que se apoiaba a ventá dunha antiga vivenda. Falta encintar, para que non lle medren herbas entre as pedras, e despois xa se poderá facer unha festa grande para inaugurar esta peza que simbolizará a identidade e a unión veciñal.

"Eu teño a casa ao lado, e vía como esta xente viña traballar os sábados, construíndo o milladoiro. Miña avoa díxome que cando alguén traballa preto, hai que ir rogarlle con algo, un café, un doce. E empecei a escribir, mentras cociñaba, uns contos arredor do milladoiro, porque eu escribo dende sempre, dende que de pequena ía coas vacas ao prado. E deille os contos a José Manuel, a ver se lle gustaban, pero xa lle dixen que era unha trapallada. Pero vai e venme conque se van publicar, e daí xurdiu o libro, co milladoiro como fío e lugar onde se resolven todos os problemas", conta Adriana Andrade, graduada en Psicoloxía e diplomada en Educación Social, autora de Milladoiro de Contos que publicou Edicións Embora con ilustracións doutra veciña de Cerqueda, Teresa García.

Ata este libro, dirixido a nenos e maiores, é tamén en beneficio da comunidade. "Todos os dereitos de autor están cedidos ao Proxecto A Croa do Castro de Cerqueda, para poñer en valor este xacemento, porque eu non escribo para lucrarme, e se saco máis libros todos van ir para fins similares", conta Adriana. O obxectivo destas actividades é tamén dinamizar o lugar, atraer turismo, que a aldea siga viva, agora que o rural ten esa sangría de poboación. Xa vén xente a ver o milladoiro pero os veciños de Cerqueda queren facer un "polo" de atracción, que se visite esta construción e tamén a Croa do Castro e a carballeira, ademais dos xa coñecidos Muíños de Ardeleiro, situados tamén nesta parroquia, un conxunto de cinco muíños moi singular por estar ao borde dun acantilado, todos en liña descendente.

A Croa do Castro de Cerqueda é outro éxito veciñal que se suma ao xa coñecido xacemento da Pedra da Arca. Coa sorte de que a maioría do terreo que conforma o xacemento é municipal, os veciños, tamén en xornadas de traballo voluntario, con sachos e fouciños, cortaron toda a maleza e agora é visible todo o círculo, o foxo e o acceso. "Falta que se faga unha excavación, despois de pasarlle o gradiómetro", apunta Varela. Cando se rematou de limpar houbo visita guiada de man de dous arqueólogos.

A terceira iniciativa comunal foi a creación dun pequeno souto de castiñeiros preto da igrexa e o campo da festa, noutra parcela tamén municipal na que agroman interesantes formacións de pedras. Os veciños cortaron todos os eucaliptos que había e os que quixeron levaron a leña. Despois comezaron un plan de apadriñamento para prantar carballos, respetando algúns que xa había e tamén loureiros reais. Haberá que esperar uns anos a que medren e ver encarrillado este souto.

Cada padriño ten que coidar o seu carballo. Un veciño de Ordes veu participar na iniciativa e ten o seu, ao igual que o alcalde e o tenente de alcalde, a Unión Deportiva Cerqueda, unha empresa da zona, ou o presidente da asociación de veciños. Un rapaz de Leduzo ten tan coidada a súa árbore que ata lle puxo un sistema de rego.

Xosé Manuel Varela, como profesor de Lingua Galega no ámbito urbano da Coruña, fai unha labor inestimable de dar a coñecer o mundo rural, estos costumes e tradicións galegas, entre os nenos da cidade. "O noso colexio fai intercambios co Urbano Lugrís de Malpica, vimos cos nenos a ver os oleiros de Buño, por exemplo. É interesante ver este choque entre o urbano e o rural. Na escola temos unha vaca de madeira que lle poñemos un guante e lle botamos leite, para que os nenos de Infantil muxan e saiban que o leite non vén do supermercado", conta o mestre.

Do choque do mundo rural e o urbano tamén da boa fe Adriana Andrade. "Eu cando fun á Universidade e lles falaba de que meu avó untaba os zocos con unto do porco, dicíanme que eu non podía ter a súa idade, que era doutra época", conta.

Cerqueda ten algo máis de cincocentos veciños e hai unha chea de nenos pola mañá arredor do local social as fins de semana, e de maiores polas tardes para as sesións de baile. Só falta que veña xente, que non marche, que veñan e admiren o milladoiro, a Croa do Castro, a Pedra da Arca, a Carballeira apadriñada, os muíños de Ardeleiro. E sobre todo, que vexa a felicidade que dá o axudar uns a outros, o traballo comunal que antes era sagrado. "Claro que boto de menos eso. Uns veciños axudaban aos outros, unha semana para ti, outra para min, para ir ao toxo para estrar, para as patacas, para recoller os froitos, facer un peche dunha finca. Agora saes andar e non ves a ninguén, todo o mundo está pechado na casa vendo a televisión", conta o canteiro xubilado Jesús Dourado.