O filólogo e escritor Xosé Manuel Sánchez Rei recolle en Xosé Seivane. A gaita con maiúsculas a historia e traxectoria do patriarca da familia co obradoiro de gaitas máis coñecido e recoñecido de Galicia. O autor, que toca a gaita, comezou no 2017 a investigar e traballar no libro, encomenda do director da editora Canela, Pablo Quintana. Tras problemas coa distribución, a imprenta e, agora, a pandemia, ve a luz a obra, que conta con partituras de melodías compostas ou interpretadas por Seivane transcritas por Pedro Lamas e Daniel Bellón.

Descubriu algo que o sorprendera de Seivane?

Entrevistei moitas persoas que o coñeceron, que o trataron, amizades del, xente que foi cliente del, xente que o coñeceu moi de cerca por ser veciño, familia, amigos? supoño que unha das cousas que se podería máis ponderar é que tiña un sentido do humor moi fino, moi irónico, e sempre estaba facendo gala del. Aparte de que era una persoa extremadamente habilidosa para reparar non só gaitas, senón calquera artigo, máquina de coser, ata un paraugas, ata facer unha porta, unha xanela... El tivo moita fama como persoa que arranxaba culatas de escopetas e había xente que ía a Ribeira de Piquín non só para encargar unha gaita, senón para que lle reparase a culata dunha escopeta.

El cazaba?

Si, cazaba e pescaba. Foi un grande pescador, tivo moitos premios de pesca, nos anos 50, 60 e 70. Tamén era perruqueiro, tiña unha barbería. Xuntábanse os clientes e alí vacilábanse un aos outros.

Di vostede que Seivane foi testemuña de profundas transformacións culturais. Contribuíu a elas?

Sobre todo ás da gaita, porque hoxe en día a gaita galega podemos encontrala nunha romaría ou festa tradicional, mais tamén acompañando unha orquestra sinfónica.

Ata que punto axudou el a ese avance?

Unha grande parte da evolución e mellora da gaita, sen perder de vista a tradición, débese a Seivane, o patriarca. Porque sempre estivo atento ao que lle pedían os gaiteiros e gaiteiras. Investigaba sobre como mellorar, como facela máis versátil e como contribuír a que a gaita estivese dignificada con bos instrumentos de calidade, o que tamén dignifica a música de gaita. El pensaba que a gaita era o instrumento más representativo, o instrumento nacional galego. E sempre opiniou que a gaita era o instrumento máis emblemático do país.

Axudou a adaptar o instrumento do sistema modal ao tonal?

Unha grande parte desa evolución e mellora da gaita, sen perder de vista a tradición, débese a el. Cando comeza a se interesar pola gaita, de pequeno, as gaitas que el escoita estaban xa a medio camiño entre a escala antiga, a modal, e a moderna, a tonal. E, a base de investigar, estar continuamente con probas e experimentos, conseguíu que a gaita puidese afinar con outros instrumentos. Hai cen anos era moi difícil que unha gaita afinase cun piano ou cunha guitarra E unha grande parte desaevolución débese a Seivane.

Si?

Acudían a el tanto gaiteiros novos, que querían una gaita moderna, que dese máis notas ou tivese máis recursos que as antigas, mais tamén gaiteiros vellos, da Fonsagrada, Ribeira, porque el tamén sabía construír as gaitas ao modo antigo. Foi un artesán moi versátil que sabía adaptarse ao gosto do gaiteiro ou da gaiteira. Non só facía gaitas estándar para todo o mundo, senón que se adaptaba e preparaba unha gaita para esa persona, mérito do bo artesán que sempre soubo estar á altura do que pedían os clientes, non facer gaitas coma churros, que tamén podía, pero quixo estar sempre ao lado dos gaiteros e gaiteiras. Por iso tivo tanta fama.

Entre os afeccionados, comprar unha Seivane era ir en serio.

Sempre tivo ese trato cos gateiros e sempre foi unha persoa moi atenta ao que lle pedían. Hai artesáns moi bos pero que se limitan a reproducir instrumentos, non investigan, non van máis aló. Conseguir facer gaitas en varias tonalidades, recuperar o fol de cabrito... Hoxe en día é de goretex, mais foi toda a vida de cabrito e nos anos 20 ou 30 do século pasado empezou a utilizarse goma, cousa moi moderna pero que non transpira e facía que certas partes da gaita acabaran estragadas moi rapidamente. Para el, as súas propias gaitas sempre as tivo con fol de cabrito, el mesmo curtía a pel.

Está garantida a contuidade?

Si, primeiro polos dous fillos, Álvaro e Xosé Manuel, que continúan á fronte da empresa de construción de gaitas. E en parte porque as netas, Susana e Saínza, continúan coa vea artística, e tamén os netos continúan un pouco esa dinámica. E hoxe en día falar dunha gaita Seivane é como falar dun Stradivarius. Hai un gaiteiro na coruña moi coñecido, Pepe Temprano, que o dicía. Son hoxe en día moi valiosas e prestixiosas e requeridas. Esas gaitas, conforme se van tocando, van mellorando a tímbrica, o son, entón unha gaita Seivane tocada con certa regularidade durante uns anos é unha xoia.