Xulia Vicente aínda non tiña catro anos cando nacía o Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico da Coruña pero acudir como espectadora puido ser o xerme da artista recoñecida que é hoxe e pasar de ser unha visitante a unha das invitadas e estrelas deste festival da banda deseñada, unha evolución que foi unha "satisfacción inmensa" para o director deste evento, o debuxante Miguelanxo Prado. Vicente, nada en Cariño en 1993, é a responsable, entre outros traballos, de pasar a historia de "amor e liberdade" de Elisa e Marcela a cómic, por encargo do Consello Galego de Cultura. Esta autora, xunto co xenovés Alessandro Barbucci, o segoviano Enrique Vegas e o mallorquino Pau, son os autores que expoñen a súa obra na edición deste ano, singular por culpa da pandemia, que impediu poder contar coa presencia física dalgúns autores. Tamén fixo que se orientase máis ao cómic infantil e xuvenil.

O Salón do Cómic xa abriu as súas portas con orixinais destes autores no Kiosco Alfonso, ademais de mostras monográficas doutros autores e de editoriais noutras sedes como Palexco, ou Palacio de María Pita (con Agustín Ferrer), a sala municipal Salvador de Madariaga e a propia Torre de Hércules (que expón carteis das edicións anteriores de Viñetas). Todas estas exposición son gratuítas.

Cancelar esta cita co debuxo, coa historieta, non era unha opción porque supoñía "rachar" con 23 anos seguidos de vida, tal como sinalou Miguelanxo Prado, polo que o Salón abriu e as exposicións poderán visitarse ata o 13 de setembro. Só tivo que adaptarse un pouco ás actuais circunstancias: os visitantes, coa máscara posta, teñen que seguir un percorrido concreto que se indica no chan das salas e manter a distancia de seguridade. Así poderán desfrutar no Kiosko Alfonso dos debuxos de Barbucchi, as súas WITCH e Sky Dolls, adolescentes poderosas; as famosas versións de Vegas cuns Spiderman ou Hellboy nenos e cabezóns, xa tan coñecidos coma os orixinais; ou as historietas de Pau, autor de Las vacas chechenas ou a saga Atlas&Axis, entre outros; amais de Xulia Vicente, que xunto ao traballo de Elisa e Marcela, é autora de novela gráfica e conta con premios internacionais. Tampouco faltaron as sinaturas dos autores, conferencias con aforo limitado e charlas en directo por redes sociais.

O tenente de alcalde Juan Ignacio Borrego lembrou como os cómics emocionan, son un "berro social, un espello do que somos" e tamén "unha fantasía, unha fonte de inspiración da que todos os nenos e nenas deben desfrutar".