18 de agosto de 2008
18.08.2008
40 Años
40 Años
Concelleiro de Vivenda e Rehabilitación do Goberno local da Coruña

Mario López Rico: "O PSOE non se atreve a criticar ao BNG porque sería facerlle o xogo ao PP"

18.08.2008 | 10:13
O concelleiro de Vivenda e Rehabilitación, Mario López Rico, xunto a Palexco.

"O Bloque segue dicindo cousas, pero faino doutra maneira. Tes que matizar moito máis. Non sei para que quere Defensa o cuartel de Atocha porque non o utiliza para nada".

-A súa idea era levar a Concellería de Rehabilitación para a Cidade Vella. Por que non o fixeron aínda?

-Non atopamos unha localización idónea. Buscamos varios edificios que poderían ser interesantes pero con estas dimensións que temos, e algo máis que se necesitaría, de 400 ou 500 metros cadrados, é complicado. Hai que levar a Oficina Municipal de Rehabilitación, máis o departamento de Vivenda que estamos creando, máis a propia concellería...

-É porque os edificios no centro histórico están moi caros ou realmente existe a posibilidade de marchar a un inmoble de titularidade municipal?

-Miramos todas as opcións e debemos ter en conta o factor económico. Non estamos en tempo de dispendio e luxo.

-Teme que o prezo da vivienda volva subir na cidade?

-A ver se encontramos sitio este ano.

-Onde reside vostede?

-En Monte Alto.

-Un barrio criticado polo aumento do solo urbanizado.

-É un sitio estupendo para vivir. Está sufrindo unha transformación moi rápida, nos excesos edificatorios para mal, e noutros para ben.

-Vostede mudaríase para o actual casco histórico, tal como se atopa agora?

-Paréceme un luxo, non é que onde estou agora me encontre mal. Orillamar é un entorno agradable, con vistas ao mar, que non tería na Cidade Vella, salvo que marchase para a milla de ouro [en alusión a O Parrote].

-Xunto a Francisco Vázquez.

-[Pausa]. É un dos barrios con máis calidade de vida, outra cuestión é como se faga a renovación: que siga a vivir a xente que sempre viviu alí e que se poidan recuperar os edificos baleiros para a xente nova.

-E como?

-Hai receitas, está todo inventado. Temos que facer un investimento público potente para a rehabilitación de edificios en mal estado para que se introduzan no mercado. Hai que estudar as normas da habitabilidade, entrar no tema da accesibilidade, na dinamización do pequeno comercio...

-Existen máis problemas na Cidade Vella e Pescadería.

-Teñen problemas distintos. Pescadería é unha zona cunha alta actividade comercial, cun elevado prezo do solo que calquera intervención require un investimento moi grande, como ocorre noutras cidades cando a Administración se fai cun parque de solo para poñer pisos en aluguer a prezos módicos. De momento, na Pescadería é imposible porque se paga o metro cadrado carísimo ao coincidir no centro da cidade. O seu gran problema é que soporta a actividade típica de centro dunha cidade cunha tercialización moi importante, e ao mesmo tempo coa parte residencial que se concentra na Pescadería máis humilde e abandonada do Orzán.

-Así que o de comprar solo para vivendas...

-Ese tipo de intervención pública para rehabilitación é inabarcable. Hoxe por hoxe, nesta zona é imposible.

-E a promesa de facer peonil o casco histórico? Ten data?

-É unha cuestión interdisciplinar. Afectaría ás áreas de Mobilidade, Transporte, Rehabilitación e de Urbanismo se se require da súa intervención. A peonalización, con accesos para a carga e a descarga e para os residentes, estase estudando no departamento que dirixe Florencio Cardador [responsable da Concellería de Tráfico] e a min paréceme relativamente doada. Convertir a Cidade Vella nunha illa peonil e, ao mesmo tempo, buscar aparcadoiros disuasorios alternativos é relativamente doado se existe vontade política, que creo que a hai.

-En Pescadería, máis difícil.

-Moito máis difícil. É parte do centro e o acceso a unha parte importante da cidade como é a península da Torre. A Pescadería soporta un tránsito de vehículos moi importante que hai que reducir. Os cidadáns teñen dereito a desprazárense, a movérense, o que non teñen é dereito a usar o coche. O transporte público débese mellorar para que a utilización do coche sexa mínima.

-No centro, encontrar onde aparcar non é doado.

-Relativamente. Os estudos que se fan para o plan xeral falan de que hai un número importante de prazas, outra cousa é como se están usando. A Cidade Vella ten o paseo do Parrote, o da Marina...

-Pero son aparcadoiros en construción que aínda van para largo?

-Van para largo pero irán. O parking da Maestranza e o perímetro [da Cidade Vella] están moi infrautilizados.

-No seu programa electoral falaban de recuperar o cuartel de Atocha para aparcadoiro gratuíto?

-O lóxico é que ese gran patio enorme que existe na actualidade, dunha superficie similar á praza de María Pita, se empregue para aparcadoiro de residentes a un prezo módico.

-O Ministerio de Defensa xa dixo que non.

-Defensa ten que defender os seus intereses e a Corporación local, os da cidade. Estamos demasiado afeitos a que o Estado, sexa Defensa, sexa Fomento, sexa calquera ministerio, entenda que o patrimonio público é para sacar cartos para o Estado, e pode ser para facer cesións a outras administracións para outros usos públicos.

-Entón a permuta de terreos non se contempla?

-É unha mecánica urbanística que se utiliza pero eu non sei para que quere Defensa o cuartel de Atocha porque non o utiliza para nada. Queren pasta pura e dura e o Estado non debe estar para iso.

-De volta ao problema da vivenda. O Concello iniciou vinte expedientes expropiatorios na Cidade Vella e Pescadería, pero só continúan adiante tres. Está dacordo con esa marcha atrás?

-Si. O obxectivo da expropiación non é facerse cun edificio para facelos públicos, senón para inducir procesos de rehabilitación.

-Pero a maioría dos propietarios xa incumpliron, cando menos unha vez, a rehabilitación destes inmobles.

-Por iso se fixeron os expedientes sancionadores, pero moitos pecháronse porque solicitaron despois a rehabilitación.

-O Bloque foi moi crítico coa reconstrución feita na casa do cura, en Panaderas, pero o xuíz arquivou o caso.

-Estamos totalmente en desacordo. A sentencia di que o que se fixo está ben e nós pensamos que forma parte dun edificio con protección monumental e agora o que existe é outra cousa: debaixo ten un garaxe, é un edificio refeito, e só se conserva unha fachada.

-Sempre presumen de que a chegada do BNG ao Concello nótase. De verdade cree que cambiou tanto a maneira de facer política en María Pita?

-Cambiou todo. Houbo un cambio de talante, de apertura a novos proxectos. O pacto do bipartito achegou cousas que o PSOE pola súa conta non faría.

-Por exemplo?

-[Risas] Podería recurrir aos tópicos da normalización do idioma... pero tomouse máis en serio o tema da igualdade das mulleres coa creación dunha área específica, ao igual que a rehabilitación urbana. O orzamento do 2007 era do PSOE ao 100% e o de 2008 é do bipartito. Este ano é moi axustado ás necesidades reais dos cidadáns, e non en proxectos como o tranvía turístico, o elevador, a estatua da Virxe do Carme... Cando aprobemos o plan xeral veremos o modelo de cidade do bipartito.

-A futura lei do solo do Goberno galego obriga a que o 40% das vivendas, nas novas urbanizacións, conte con algún tipo de protección.

-O 40% será o mínimo, logo veremos que propostas nos presenta Joan Busquets [arquitecto que revisa o plan xeral].

-A concelleira de Urbanismo, Mar Barcón, xa dixo que será o mínimo, o 40%.

-Non o sei.

-Vostedes pediron máis ou hai que renunciar a unhas cousas para conseguir outras.

-Non é renunciar a nada. No noso programa levamos a aplicación do 40% que aínda non está recollido por lei, que agora marca o 20%. O 40% é a porcentaxe media que recomendan os expertos.

-Pois están aprobando plans parciais nos que as vivendas protexidas son o 20%.

-Pero son do plan xeral vello. A media na cidade debe rondar o 30%.

-E por que apoian ao PSOE nesta cuestión?

-Porque son plans que xa estaban tramitados e porque o que se aprobe dentro deste plan xeral ten que reflexar o que di o plan.

-Un exemplo. Que cambiou nas Xubias para que agora vostedes voten a favor? Tanto se modificou o proxecto para que o BNG cambie o voto desfavorable que daba na oposición?

-Houbo modificacións moi importantes. Había un plan inicial terrorífico, ao que fixemos unhas alegacións. En parte recolléronsenos e en parte houbo a incidencia da Demarcación de Costas, que fixo un deslinde e excluíu unha parte importante de posibles aproveitamentos. O que se aprobou finalmente foi unha rebaixa do 27%. Xa estaba liquidado dende o Concello, nós non tiñamos nada que dicir. O plan estaba aprobado, era un trámite por unhas modificacións solicitadas dende Política Territorial. Se non se apoiase empezaría a ter licencias no núcleo das Xubias co plan vello, que é unha auténtica burrada, abriría as expectativas por parte de Isoman de retomar os Astilleros Valiña e dos propietarios da Pasaxe de ir en contra do planeamento.

-Por que non agardan a revisión de Busquets en vez de seguir aprobando plans parciais?

-Acabo de dicilo. Os plans que chegaron á aprobación provisional deixarémolos ir cara a diante, porque sería peor o remedio que a enfermidade: paralizaríamos o plan, retrotraeríamos moitas iniciativas de urbanización... Os plans que si estarán parados son aqueles nos que non se iniciou a tramitación: Monte Mero e Penamoa.

-Neste último, Barcón xa apuntou que o solo entre a terceira ronda e O Ventorrillo será para vivendas.

-Páreceme razonable que se faga unha contención da edificabilidade, non aproximarse á refinería. A terceira ronda deberá servir de borde: fóra, un tratamento máis brando, de espazos libres.

-Xa non sei se preguntarlle polo manido tema do Papagayo?

-É un tema manido pero é unha burrada.

-Pois pasaron de votar en contra a todos os proxectos da zona cando estaban na oposición a abstérense no estudo de detalle logo de entrar no goberno.

-É unha burrada un aparcadoiro de mil prazas entrando e saíndo na rúa Panaderas. O proxecto estaba todo aprobado, o que falamos é dun proxecto de urbanización para poñer beirarrúas, faros, para poder dar licencias de edificios que xa estaban construídos. Se tes aprobado o planeamento e che solicitan unha licencia, tes que dala. Non tería ningún sentido bloquear o proxecto agora.

-Absterse é o prezo de gobernar, unha peaxe?

-Se estás na oposición, non estás na maioría de goberno. Ti podes manter sempre ao 100% as túas ideas e propostas, pero ao igual que cando chegamos [ao goberno] e tivemos que aplicar o orzamento de 2007 durante seis meses, damos licencias co plan xeral que existe, damos licencias cun Pepri [Plan Especial de Protección e Reforma Interior de Cidade Vella e Pescadería] que hai que reformar... Sobre todo co que está en vigor ti non podes chegar e dicir que non.

-Nos plenos, non se lles escoita ningunha crítica ao PSOE.

-Nin eles se atreven a criticar cousas nosas abertamente porque senón sería facerlle claramente o xogo ao Partido Popular, que está interesado en que non funcione o bipartito. Hai cousas que, matizadamente, nos gustan máis que outras. O BNG segue dicindo cousas, pero faino doutra maneira. O PSOE estivo empeñado en pleitos polo topónimo e agora ten que aceptar que estaba equivocado.

-Que quere dicir con que o fan doutra maneira?

-Tes que matizar moito máis, porque tes unhas responsabilidades de goberno. Que se estean dando de tortas as consellerías do PSOE e do BNG na Xunta...

-Pois máis que nas concellerías da Coruña.

-Non. Cando falas como concelleiro eres moito máis comedido, e cando fala o partido falas con máis claridade. É lóxico.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

LA OPINIÓN A CORUÑA te invita a disfrutar de la carrera más divertida del año. Responde a las preguntas y participa en el sorteo de 10 dorsales para la SAN SILVESTRE CORUÑA 2018, que se celebrará en A Coruña el 31 de diciembre.

esquelasfunerarias.es