ciudad y cultura

Unha ollada cara ao interior de Quintana

Barreiro Rivas presenta un libro sobre a andaina política do vicepresidente da Xunta

Quintana e Rivas, onte, asinan libros no Fórum da Fnac. / eduardo vicente

Quintana e Rivas, onte, asinan libros no Fórum da Fnac. / eduardo vicente

Gemma Malvido | A Coruña

Defínese coma unha persoa "tímida", á que lle costa falar de si mesma cando alguén lle pregunta sobre a súa vida persoal e cando non ten un auditorio repleto que o escoita; pero fala sen problemas ante un público máis ou menos amplo das súas ideas, dos seus proxectos e dos cambios que protagonizou ou sufreu. Asegura que non lle importa asumir que "os bloqueiros" se "moderaron" para seguir na vida política galega, porque reivindica o labor anterior do galeguismo, o desenvolvido no período final do franquismo, cando había que lle facer "un espazo aos ideais nacionalistas no panorama político da transición". O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, presentou onte, xunto ao profesor Xosé Luís Barreiro Rivas -que tamén foi vicepresidente do Goberno galego-, un libro de conversas que indaga sobre a vida do que foi durante anos o alcalde do cambio de Allariz, a súa ideoloxía e a súa andaina política, no Fórum da Fnac.

Din que é un libro que non foi feito a medias, senón que mantén a improvisación do diálogo, en tanto que o autor -Barreiro Rivas- non cortou nin pegou parágrafos sobre un mesmo tema para deixalo rematado, senón que mantivo a espontaneidade da fala que non pecha as ideas, senón que as vai desenvolvendo segundo vai avanzando a conversa.

Reivindican a importancia do nacionalismo no espazo europeo, aínda que admiten, ambos os dous, que este ano, como xa ocorreu en infinidade de lexislaturas, a lista máis votada en Galicia será a do Partido Popular, aínda que confían en tocar poder. "Hai que ver as cotas que alcanzamos. Non seremos nós os que poñamos as barreiras", asegurou onte o vicepresidente da Xunta, na presentación do libro Vontade de nación. Unha conversa con Anxo Quintana, no que, afirma, está recollido o seu ideario, "que é o do Bloque Nacionalista Galego".

Tracking Pixel Contents