Director dos Museos Científicos Coruñeses
Xosé Antón Fraga: "A posible competencia do Museo da Ciencia debe ser un estímulo"
"Traballo con normalidade. A comodidade non é un obxectivo" . "Cos terreos da Fábrica de Armas faría unha Casa das Prantas"

Xosé Antón Fraga, coa Torre de Hércules ás costas. / fran martínez
Gemma Malvido | A Coruña
Enfronta o novo ano coa inauguración da meirande reforma sufrida pola Casa das Ciencias desde a súa creación. Se poidese, o director dos Museos Científicos Coruñeses, Xosé Antón Fraga, crearía unha sala no acuario a xeito de proa de barco para render homenaxe ao mar.
-Quedan tres días para que a Casa das Ciencias volva abrir as súas portas. Que obras quedan pendentes no edificio logo da dixitalización do Planetario?
-Proxectos non faltan. Pode ser interesante musealizar o exterior da Casa das Ciencias. Neste momento é fundamental dinamizar a institución, facer dos museos uns centros máis vivos e activos. Combinar grandes exposicións con outras máis modestas e numerosas actividades. E desenvolver relacións sólidas con institucións. Tamén necesitamos certas reformas na Domus, cambiar módulos e intervir na parte exterior do acuario.
-Adiantou esta semana que haberá dúas grandes mostras na cidade ao longo de 2009.
-Unha leva por título O asombro de Mr. Darwin, unha exposición interactiva que presenta a Charles Darwin asombrado polo seu descubrimento científico revolucionario, a teoría da evolución biolóxica por medio da selección natural, e polas súas implicacións. Pretende trasladar ao público o labor do protagonista dun descubrimento científico que transformou a nosa forma de comprender o mundo. Queremos homenaxear a un científico fundamental na historia, pero non desde a reverencia, senón expoñendo os seus logros, erros, dúbidas e cuestións que deixou sen resolver; tamén presentar a teoría da evolución como resultado do método científico e dun contexto humano no que hai competencia, golpes de intuición, prexuízos... A exposición sobre científicos galegos busca presentar en sociedade o labor duns valiosos especialistas pouco coñecidos. Algúns sóannos por apareceren os seus nomes nas rúas, pero o público debe saber que os galegos somos quen de facer boa arte, de producir singulares construccións, redactar estupendos poemas e, tamén, de facer ciencia de primeiro nivel.
-A Casa das Ciencias vén de sufrir a súa meirande remodelación. Que outro proxecto lle gustaría acometer durante o seu mandato?
-Unha intervención no acuario que, cara ao décimo aniversario -que se cumpre este ano- supuxese un impulso. Falo dunha remodelación da parte do edificio onde está ubicada a sala Humboldt e a cantina, buscando construír unha grande sala expositiva a xeito de proa de barco. Un espazo singular para amosar un elemento básico da identidade coruñesa e galega: a conexión co mar. O mar foi a nosa autoestrada histórica; por el saímos a pescar, á emigración, ao exilio. Do mar viñeron mercadorías, persoas e ideas novidosas. Nel gozamos e sentímonos a gusto. Sería un lugar idóneo para tratar ese tema e o da comunicación e as exploracións mariñas.
-Ten proxectos a longo prazo ou prefire traballar ano a ano?
-Hai proxectos que xa empezamos a estudar para o futuro. O 2009 é o ano europeo da innovación, esperamos colaborar coa Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt), propoñendo un programa que conecte a ciencia coa creatividade. A nivel internacional participamos en iniciativas nas que entidades de diversas cidades europeas imos abordar un ambicioso proxecto de divulgación. E temos en carteira a posibilidade de exposicións sobre temas como a expedición da vacina ou a relación entre o ser humano e o vestido.
-Unha das partidas orzamentarias do Fondo de Inversión Estatal Local destínase ao acuario. En que consistirán as obras?
-Vai supoñer unha importante intervención sobre as augas que circulan polo acuario, coa creación dunha zona de cuarentena para os peixes. Agardamos inicialas por xuño e rematalas en decembro.
-Será preciso pechalo ao público?
-Non, prevemos que só afecte nunha pequena medida.
-Que máis reformas lle gustaría realizar?
-Poderiamos realizar reformas no exterior da Domus, incorporar sinalización dos museos, musealizar espazos exteriores do Aquarium Finisterrae, realizar obras na biblioteca da Casa das Ciencias...
-Se fai balance do seu tempo como director dos museos científicos, o resultado é positivo?
-Si, pero agardo que o mellor estea por chegar pois levo pouco tempo no cargo e, loxicamente, sempre é preciso un período de adaptación.
-Está cómodo no cargo agora que se calmou a polémica da súa elección?
-Traballo con normalidade. A comodidade non é un obxectivo. Sempre entendín os cargos como responsabilidades e non como privilexios. Teño a sorte de dispoñer dunha oportunidade única para poder facer algo que me gusta moito, traballar por ampliar o coñecemento científico da xente, por favorecer a liberdade cultural. E, ademais, fágoo na miña cidade e co apoio de moita xente que me quere e estimula; eles acompáñanme sempre.
-É como esperaba ou hai cousas que lle sorprenden ou que cría que habían ser diferentes?
-Hai cousas que coñecía ou agardaba, outras foron máis sorprendentes. Non pode ser doado dirixir unha organización da complexidade dos museos, pero o que centra o meu esforzo é dotalos da mellor organización posible para afrontar este período. Non estamos no momento inicial, nos anos 80, cando a Casa das Ciencias só compartía protagonismo na divulgación científica co Museo da Ciencia de Barcelona. Hoxe hai moitos museos e outras institucións que compiten en oferta e demanda de recursos. Temos que poñer as pilas para responder a ese reto.
-Agora que tanto se especula cos terreos da Fábrica de Armas, para que proxecto os usaría?
-Por pedir que non quede, unha Casa das Prantas, unha idea que se manexou e que ficou aparcada.
-Vese de xeito diferente a ciencia desde as posicións de historiador, de profesor e de director?
-Desde a mocidade teño participado en diferentes iniciativas culturais e científicas. Nos primeiros anos 80 redactei unha proposta do que que sería o primeiro Museo de Ciencias da cidade, a instalar no edificio Atalaya, nos xardíns de Méndez Núñez. Despois houbo un cambio político, Paco Vázquez accedeu ao Goberno municipal e trouxo outras iniciativas. Desde dentro dos museos hai aspectos e perspectivas novas. Agora son o responsable de que a institución avance e afronte os retos do momento.
-Como cre que afectará aos museos científicos a inauguración do Museo Nacional de Ciencia?
-Será positivo para a cidade e, polo tanto, tamén para os museos. A Coruña consolídase como referencia internacional no terreo da divulgación científica. Outra cousa é que nalgún momento poida supoñer unha certa competencia cara a atraer público, pero iso debe ser un estímulo para nós.
-Haberá unha política de colaboración ou optarán pola competición?
-O meu desexo é que colaboremos. Desde logo, pola miña parte teño a mellor das disposicións para establecer canles de diálogo e colaboración. De feito, tres días despois de tomar posesión, o 20 de xuño, púxenme en contacto, vía correo electrónico e falando coa secretaria, co director do Museo Nacional [Ramón Núñez Centella, o predecesor de Fraga no cargo de director dos Museos Científicos] para fixar unha entrevista e avanzar nese labor. Non tiven resposta, pero agardo que nalgún momento teña lugar ese encontro; sería positivo para a cidade.
- Una librera de A Coruña estalla tras sufrir la estafa de este autor: 'Non vas ver un céntimo
- La residencia de Eirís, financiada por Amancio Ortega, abrirá a final de año
- La mastectomía endoscópica se afianza en el Chuac de A Coruña: «Es mucho menos invasiva»
- El Concello de A Coruña detecta 'daños estructurales' en la pasarela entre las estaciones
- Esta es la línea de bus que más emplean los jóvenes de A Coruña, y no es la de Marineda
- Cooperativistas de Xuxán: «Este es un modelo fallido, somos prestamistas de la Xunta»
- Así eran los escaparates de Zara en los inicios del imperio Inditex: Gallinas vivas y el niño que salió corriendo con un conejo
- Un concierto anunciado por el Concello en Riazor abre otro frente con el Dépor